terça-feira, 4 de novembro de 2008

IN MEMORIAM de MONCHO DO POLO.




  ( Ao abeiro do fondo musical, ilustración e imaxe da súa dona, texto de MUJER DE BLANCO SOBRE FONDO AZUL, magnífico poema do finado Ramón Rey García, MONCHO DO POLO, meu entrañable conveciño, amigo e confidente do primeiro tramo da vida )




  Arestora do maio esmorecente

Ti, Moncho, REY, capitán liberado

do fardo e ligaduras do humano existir,

Ti, paladín de eternas fermosuras,

na nao tan traballosamente construída

nas ribeiras da vida,

andas a navegar, xa avezado e lixeiro,

polos mares infindos do bonancible alén,

ouro en pano, gardada a garimosa aperta

para a nosa acollida.



  Mais non conforta sabelo:

precisamos sentilo.




  Senlleiro timoneiro, coas velas infladas,

cando alcances as rías,

amosa, debuxa nun aceno,

aquel signo de paz, heraldo da beleza…

E tamén, paz, a nós, teus dilectos amigos,

orfos desventurados desde a brusca partida.



  Mais non conforta sabelo:

precisamos sentilo.


  

  Redobren, marciais, solemnes,

os sons do bombo e da gaita 

da Galiza inmorrente.

Resoen, unha vez máis, na memoria

e na honra de quen sementou,

a mans cheas, a fartura poética do amor

e da amizade que te fixo grande para sempre.



  Mais non conforta sabelo:

precisamos sentilo.




  Que o poeta e o home de ben,

que sempre fuches,

derrame nos nosos corazóns o agasallo

do teu retranqueiro sorriso.



  Mais non conforta sabelo:

precisamos sentilo.



  Moncho do Polo, meu Rei, meu Capitán,
meu confidente,
meu máis dilecto Amigo…



  (Rioderradeiro, en Vigo, a 29/05/07)

APREIXAR O INSTANTE







Apreixar o instante...


Acenderlle unha vela


Ó santo da memoria,


Pois a memoria é cega...


Apreixar o instante...


Cinguilo coa cadea


Da luz que resucita


O pasado das tebras.


Apreixar o instante...


Dicir hoxe sen pena,


Porque o mañán e o onte


Coman na mesma mesa.


Apreixar o instante...


Ficar ledo ou a espreita:


O corazón decida


O que mellor conveña…


Que o corazón decida


Cando prenderlle a vela


Ó santo da memoria,


Apreixar o instante,


Cinguilo coa cadea


Da luz que resucita


O pasado das tebras;


Pois a memoria é cega...


¡Que o corazón decida


Se hai que apagar a vela..!

(Rioderradeiro)

___________

A TÚA VOZ






A TÚA VOZ
______________



Recalo no teu peito

Coma barco que volta á ría;

Nas augas mansas dos teus beizos

Escoito a voz amiga.

Son un navío magoado

Do navegar da vida;

Se hoxe arribo ó teu porto,

Acólleme no colo

Desa túa sonrisa…

Pon nesa túa voz

As voces miñas:

-¡Perdón!¡,

¡Corazón!,

¡Amor!

CARTA PARA NINGUÉN

CARTA PARA NINGUÉN
___________________


No desván da memoria,

Gardo a carta secreta,

Sen sobre, sen remesa;

Non quero que a recollan.

Gardada, e ben gardada,

Veleidade imposible;

Para sentirme libre,

Sempre hei tela acochada.

EMANUEL.




EMANUEL.
============

Polo ronsel da estrela
baixa o Neno-Emanuel.
Quédase Deus connosco,
¡nace en Belén!


Por nai toma a María,
por pai toma a Xosé.
Arrólano no beerce,
¡Neno-Iavé!


Meu meniño, non chores,
durme, meu caravel,
que os anxos te adormezan,
¡Flor de Israel..!


A flor da humanidade,
a flor da nosa fe,
brota recén nacida,
¡nace en Belén!

..................

Quédase Deus connosco,
¡nace en Belén!


Arrólano no berce,
¡Neno-Iavé!


Brota recén nacida,
¡nace en Belén!

CHAMARASE XESÚS



CHAMARASE XESÚS
____________________


Xosé coida do Neno,
María lava,
O boi e máila mula
Quéntanlle as pallas.

Cando os pastores cheguen
Cos agasallos,
Hanlle canta-los anxos
Pra despertalo.

Ó desperta-lo Neno,
Faise un silencio:
Caen axeonllados
Ante o misterio.

-Este Meniño noso,
Tan cativiño,
Chamarase Xesús,
Deus redivivo.

BALTASAR


(Baltasar, como indíxena americano, nunha pintura
 portuguesa de comezos do século XVI, Wikipedia)


  Meniño de Belén..!
Eu quero velo,
pousalo no meu colo
adormecelo.

  -Adormecelo!


 Cara aló vou axiña,
no meu camelo,
cos máis ricos tesouros
dos meus desvelos...

  -Dos meus desvelos!


  Ouro, incenso e mirra
hei de ofrecerllos
a ese recén-nacido
onde habita o misterio.

  -O gran misterio!


  Eu quero velo,
eu quero adormecelo,
pousado no meu colo,
adormecelo...
Cos meus desvelos,
a ese Meniño-Deus
onde habita o misterio.

  -O gran misterio!

         
             (Rioderradeiro)

.- EMMANUEL.

 Resultado de imaxes para belenes de arena(Belén de area, en Canarias)


   A estrela que nos guía


colle rumbo a Belén.


Polo camiño aberto


vai deixando un ronsel


de ouro, de incenso..., mirra!,


e os anxos tecen nel


un canto de esperanza,


gabanza do Emmanuel


-Mesías, “Deus-connosco”-,


que acaba de nacer.



   Cando a Belén cheguemos,


habémoslle ofrecer


os prezados tesouros


reforzados coa fe.



   Anxeliños, cantade:


                                                 -Amén!
                                                                -Amén!
                                                                              -Amén..!



                       (Rioderradeiro)



(Foto Quin Muros Negreira)

¿QUEN TE QUECERÁ, MENIÑO?





¿QUEN TE QUECERÁ, MENIÑO?
_______________________________



Se o Neno Xesús nacese,
Decembro, na madrugada,
Dádelle albricias ó vento,
Pregoeiro a pregoalas…
Se o Neno Xesús nacese…

-¡Meu coitado, meu meniño!,
¿Quen te quecerá nas pallas?


Se o vento dá a Boa Nova
E os Pastores a escoitaran;
Se os Magos, cos seus presentes,
O adoran e o agasallan…
Se o Neno Xesús nacese…

-¡Meu coitado, meu meniño!,
¿Quen te quecerá nas pallas?


Se o Neno Xesús nacese,
Folerpa de neve, branca,
Branca como Branco berce,
E sobre o brancor, xeada…
Se o Neno Xesús nacese…

-¡Meu coitado, meu meniño!,
¿Quen te quecerá nas pallas?


Se a folerpiña de neve
Devén divina ó pousala,
Transmutada no Meniño;
Se os Anxos cantan e o gardan…
Se o Neno Xesús nacese…

-¡Meu coitado, meu meniño!,
¿Quen te quecerá nas pallas?


¿Anxos, Pastores e Magos,
Eles saberán quentalo?

-¡Ouh, vós, mula e o boi, co alento...!
¡Co voso alento enmeigado!

POIS TÉÑOLLA PROMETIDA...



Pola estrela, e o meu ronsel...,
vou pola estrela a Belén.

Pois téñolla prometida,
para cando naza, ao neno,
ninguén me roube o segredo:
gardo unha estrela escondida
no canto daquel penedo..!


Xesús, Xosé, e María,
vou pola estrela, que é miña.


Pola estrela, e o meu ronsel...,
vou pola estrela a Belén.


(Rioderradeiro)

OS REIS PREGUNTAN.



OS REIS PREGUNTAN.
____________________


De Caselas á Bouza,
Van preguntando
Tres Magos polo Neno
E polos Anxos …


Da Bouza ata Caselas
Tres tres Reis preguntan
Polo Xesús –Meniño
Que os Anxos rulan…

.- PARA QUE O NENO DURMA





  
(La Gran Epoca)

  


 







   Enriba do portal
cantan arcanxos
para que o Neno durma
ao son do canto.

  O Neno Xesús chora,
segue chorando
por redimir aos homes
dos seus pecados.

  O boi e maila mula
xa están labrando,
ao repuntar o día
tralo valado.

  Tralo arado marcha
un pastorciño
cunha ovella no colo
e o seu canciño.

  Por Xosé, por María,
van preguntando
os tres Magos de Oriente
cos agasallos.

  Esa man invisible
que arrola ao Neno
eche a man do custodio
que veu do ceo.


    (Rioderradeiro)

.- QUE VEÑAN OS PASTORES

Resultado de imaxes para TRES ANXOS CANTAN A TRIO, TRES ANXOS VAN POLA ESTRELA AIRENAEIRA


  Tres anxos andan de ronda,
tres anxos seguen na vela;
tres anxos cantan a trío,
tres anxos van pola estrela...

  Tralo solpor, 
a prendela!


  -Aleluia, aleluia!,
naceu o Neno;
que veñan os pastores
para quecelo.



                    (**)



  Para quecer o Neno
xa están chegando
os pastorciños todos
cos seus rebaños.

  -Aleluia, aleluia!,
cos seus rebaños,
e os tres Reis nos camelos
cos agasallos.

  Cos agasallos:
con ouro, incenso e mirra
por regalarllos.

  -Aleluia, aleluia!
por regalarllos
ao Deus recén nacido,
por vir El visitalos.


                   (***)

   
  -Aleluia, aleluia!,
naceu o Neno;
que veñan os pastores
para quecelo.



    (Rioderradeiro)

.- NOITE DE PAZ




  Ese cantar dos anxos
tén aires de alborada.
Polas portas da noite,
Madre…,

  ao son da pandeirada,
unha cantiga nova
que eu de sempre arelaba,
Madre…,

  e ese sabor eterno
a Deus repenicaba.
Xa os magos e os pastores,
Madre…,

  chegan nunha alancada,
cangados cos presentes
que a gaita pregoara.
Madre…,

  que o boi e a mula canten!,
que empece a foliada!,
que reine a paz no mundo!
Madre…,

  todos a celebrala,
Madre!


  (Rioderradeiro)

.- FELIZ NADAL!




  Abre os olliños, Neno:
axiña, os Magos chegan,
xinetes nos camelos,
-ouro, mirra e incenso-
polo ronsel da estrela…


  Luceiro, que revela,

abre o portal;
arcanxos a capela
cantan a cantarela:

-FELIZ NADAL!


(Rioderradeiro, Vigo, 16/12/07)

DISQUE EN INXEL MANXADOIRA


(Foto de Icía Pena Lestón)


  Disque xa é chegada a hora:
Disque xa o podemos ter...
Disque en inxel manxadoira.
Disque naceu en Belén...

  - E un boi e unha mula sopran
para o meniño quecer.

  María varre que varre,
nunca deixa de varrer
esas labras desbastadas
polo ebanista Xosé…



  Disque un anxo ao neno arrola.
Disque ben o arrulan cen...
Disque os pastores xa o adoran.
Disque os tres magos xa o ven...

  - E un boi e unha mula sopran
para o meniño quecer.

  María varre que varre,
nunca deixa de varrer
esas labras desbastadas
polo ebanista Xosé…

    (Rioderradeiro, Vigo,  27-12-05)


(Wikipedia)

- HOXE, EN BELÉN !

Resultado de imaxes para xirín común
(Wikipedia)



  Di o xirín da campía
que el xa cantara
esa cantiga nova
na madrugada:


  -Vinde adorar ao Neno,
o noso ben,
ánxeles e pastores,
hoxe, en Belén.

 O noso ben,
hoxe, en Belén!


  -Ide buscar a estrela,
traela axiña
e, en chegando ao portal,
pousala enriba.

  O noso ben,
hoxe, en Belén!


  -Que o agasallen con ouro,
incenso e mirra
os tres Magos de Oriente.
Ave María!

  O noso ben,
hoxe, en Belén!


  E outro paxaro pide
que lle regalen
o seu recendo as flores
para os pañales:

  O noso ben,
hoxe, en Belén!


-Uns pañaliños quentes
cos aloumiños
e a devoción dos anxos,
e os seus biquiños.

  O noso ben
hoxe, en Belén!


  Cos aloumiños
dos seus biquiños.
Arroládemo ben...

  O noso ben,
hoxe, en Belén!

 (Rioderradeiro)

Resultado de imaxes para xirín común
(Wikipedia)

CHAMARASE XESÚS





CHAMARASE XESÚS
____________________


Xosé coida do Neno,
María lava,
O boi e máila mula
Quéntanlle as pallas.

Cando os pastores cheguen
Cos agasallos,
Hanlle canta-los anxos
Pra despertalo.

Ó desperta-lo Neno,
Faise un silencio:
Caen axeonllados
Ante o misterio.

TODOS A BELÉN!


(Mosaico de San Apolinar Nuovo, en Rávena, Italia).


  - Vai, anxeliño, a Belén
onda María e Xosé!

  Os anxos baixan do ceo
por unha escada escondida,
un doce cantar no bico,
arrolar dunha cantiga.

  - Neno de Belén,
rosa, roseira, ronsel!



  - Vai, pastorciño, a Belén,
onda María e Xosé!

  Un pastor, por mor dun año,
leva unha rosa prendida
que, ao quentor do peito mozo,
devén roseira cumprida.

  - Neno de Belén,
rosa, roseira , ronsel!



  - Ou, Magos, ide a Belén
onda María e Xosé!

  Os Magos, na cabalgada,
após a estrela que brilla,
por un ronsel de recendos
para os camelos seguila.

  - Neno de Belén,
rosa, roseira, ronsel!



  - Ala, todos a Belén
onda María e Xosé!

  Os pastores cos seus años;
os anxos coa súa cantiga;
os Magos cos seus camelos,
e, tras deles, nós, axiña!

  - Neno de Belén,
rosa, roseira, ronsel!


 
      (Rioderradeiro)


(Adoración dos Magos, por El Greco, 1568)

QUEN ME DESE..!

Resultado de imagen de telar de van gogh
(Van Gogh, Wikipedia)

  Quen me dese ser o berce..!
Ao abeiro do Portal,
no recuncho de Belén,
quero ser quen de o arroupar.

  - Ai, amor!,
cando agrome a flor.


  Quen me dese ser patucos..!
Patucos feitos á man,
feitos co mellor tecido
da industria do tecelá.

  - Ai, amor!,
cando agrome a flor.


  Quen me dese ser un anxo...!
E a graza do seu cantar
amosarlla en mil arrulos
a aquel que eu quero arrolar.

  - Ai, amor!,
cando agrome a flor.


  Quen me dese, quen me dese..!
For eu ( anxo e mago á par)
pastor de tantas ovellas
como El pode acariñar.

  - Ai, amor!,
cando medre a flor.


   ( Rioderradeiro, Vigo, 28-11-05)

Resultado de imagen de van gogh obras
(Van Gogh, Wikipedia) 

GAITA GRILEIRA



Foto de Grupo vocal Solo Voces.


  No monte todo son risas,

o sol a xogar coa estrela.
Alborexa pola bouza
ao son da gaita grileira.

  - Toca, gaitiña, pro neno
esa cantiga tan leda!


  Polo ronsel baixan anxos,
e serafíns, ás carreiras.
O son da gaita é tan doce,
porque tocan muiñeiras.

  - Toca, gaitiña, pro neno
Esa cantiga tan leda!


  Muiñeiras …de Chantada,
de Chantada…e Pontevedra,
e os anxos sábenas todas
e báilanas cando rezan.

  - Toca, gaitiña, pro neno
esa cantiga tan leda!


  Alborexa pola bouza
ao son da gaita grileira.
O son da gaita é tan doce,
porque tocan muiñeiras.
E os anxos sábenas todas
e báilanas cando rezan.

  - Toca, gaitiña, pro neno
esa cantiga tan leda!


    Gaita grileira..!


      (Rioderradeiro)