sábado, 21 de maio de 2011

Evocada en arpón coma unha espada.





  Senlleira a nave, a proa remendaba
a plenitude en mar que pervertía;
senlleira a nave,  adversa percorría
malversando a paixón que procuraba.

  Senlleira a nave, o vento rebentaba
máis designios do azar que travesía;
senlleira a nave, en vaga estremecía
a verga de babor cando apuraba.

  Senlleira está, sen vela, desvelada
no pranto en leixaprén dunha cantiga,
a nave, en furacán desenvaiñada,

  Afincado o perfil coma unha intriga,
senlleira e seminal coma unha espiga,
evocada en arpón coma unha espada.


(Rioderradeiro)