sexta-feira, 10 de agosto de 2012

Cravo candente adiviña.




  Refectorio do Colexio,
todos ben condecorados,
de vellos tan conservados,
vive Deus, que amigos vexo!

  Ata este peito tatexo,
que no corpo anda atrapado,
semella máis apropiado,
vive Deus, que o seu pelexo!

  Cantos amigos, Deus Santo,
recollidos xa na Gloria!;
canto esquecido na noria
do tempo que rouba tanto!

  Fágase a luz no recanto
do corazón da memoria.

  Gocemos, hoxe, no entanto,
colexiais, xuntos na historia.

                                                        (Rioderradeiro)



  Herbón conserva o que labra
-quen te viu e que te (ad)mira-,
canta a palmeira e conspira
con apresada palabra.

  Ulla baixa presumindo,
remansa, bica convento,
fai no inverno casamento
contra natura invadindo.

  Antonianos estudantes
traducen versos latinos;
polos claustros, peregrinos,
contumaces musicantes...

  Oubean, recalcitrantes,
solfexando desafinos.

  Ulla escoita aos diletantes,
arranxa Herbón desatinos.



(Rioderradeiro)



  Eramos nenos daquela,
seráficos xubilosos,
insubornables, curiosos,
infatigables na arela.

  Adolescencia sinxela
a pescudar, xenerosos,
o mundo dos cobizosos
albiscado por xanela.

  Herbón selou canto (im)puxo,
tamén nos deu canto tiña;
chantou  na chama esa espiña
que furga en ti coma un luxo.

  Pola saudade camiña
vella doenza que, bruxo,
cravo candente adiviña.


(Rioderradeiro)