Ollo que le na paisaxe azul salientando armiño; ollo que imparte aloumiño a indomable personaxe. Ollo que non ten paraxe albisca no alén aliño; ollo, avarento, adiviño, ávido de reportaxe. O mar alzado en beleza sobrancea marabilla; vagas subliñan braveza de combater contra quilla. Ollo!, o visor pon presteza onde a rompente máis brilla.
Enrosca a serpe o zapato, envolve pé esa lazada; présta a paciente implicada -cómpre abreviar o relato-, corpo supino, imputada. No fetichismo hai recato; non todo está no retrato; faltan pastel e pomada; prima en pecado pacato proposición requintada. Refinamento no oficio, fame negra do desexo, sede brava do pelexo, vivacidade no vicio. Perplexidade, complexo, orfandade en orificio; alza tacón precipicio, que é suicida o cangrexo: Salto mortal, artificio dunha alancada, co(r)texo?