domingo, 3 de março de 2013

etiquetado Albariño.


A panda de adoradores
nese altar de bebedores
deixou de lado o ribeiro;
pola destra, os dous maiores
sen Baco no taboleiro.

(Rioderradeiro)


 Foto: Getty Images


Hai quen replica cariño
transparente, inmaculado,
madurecido a modiño,
treixadura redomado
etiquetado Albariño.

(Rioderradeiro)

Levou consigo as agallas.

Foto: Esta é outra versión dos feitos que aconteceron en Muros o día catro de xuño do ano 1805. Non difiere moito da versión xa exposta, porque os feitos foron o que foron. Aínda que a magnanimidade do capitán Maitland, queda aquí un pouco en entredito, o feito foi que nos deron nas cachas ben dado.
Sobre o tema das pernas do Cristo de San Xosé e do canonazo na Virxe do Camiño...Teño as miñas dúbidas que sexan parte desa incursión, pero se non son, ben poderían ser. 
A bala de canón que pendurou durante moitos anos do balcón da casa da Turacha, si que era un recordo da "visita" de Maitland a Muros. 
Supoño que Nina Epton no seu libro de viaxes publicado no ano 1905 "Uvas e Granito" fai referencia a este feito, cun erro de 20 días. Fala dun burato e non da bala e tamen dunha placa que fai lembranza da "visita" dos seus compatriotas. Non teño noticias desa placa e dubido moito de que teña existido (Ninguén enmarca as súas derrotas) pero aquí queda o pasaxe que ela puxo.

"A casa do concello ten a fachada principal no extremo norte da Rúa do Mar, e está por fronte dunha casa que ten o impacto dun canonazo no seu piso superior. Trátase dun vello michazo que os "muradanos" non esqueceron. En efecto, diso fíxose unha das exhibicións da vila; lonxe de tapar o burato, deixárono tal como quedou despois do canonazo recibido desde o mar durante unha batalla naval entre unidades inglesas e franco-españolas. Colocaron de contado unha placa conmemorativa debaixo, que di con amarguexo: "Un agasallo dos ingleses: 22 de xullo de 1805". Sentíame moi importante cada vez que pasaba a carón desta casa."

E aquí vos vai a outra versión. Agora decidide vós a que máis verosimilitude pode ter.

Na mañá do día 4 de Xuño chegou a Muros unha pequena escuadra inglesa, á fronte dela o “ Le Loire”. Ao dobrar a punta Rebordiño, a pequena batería de canóns que estaba disposta no Cabo, abriu lume contra eles sen consecuencias para os inimigos. Os ingleses, en resposta abriron tamén lume contra esa batería e contra o castelo onde foi morto o seu alcaide e varios defensores téndose que refuxiar os superviventes dentro das murallas da Cerca.
Os atacantes apoderáronse da fortaleza e de dous buques franceses que se resgardaban na nosa baía: o bergantín “Berlier” que se encontraba de reparación no noso porto e “A Confiance” un corsario francés de 26 canóns, de 116 pés de eslora e de arredor de 450 toneladas. Ao primeiro por inservible queimárono e ao segundo capturárono como botín de guerra. A continuación os ingleses esixiron aos habitantes de Muros a entrega das súas armas e dos seus víveres a cambio de non cometer abusos contra as súas mulleres e ser pasados polas armas os seus homes. O pequeno castelo foi destruído con 40 barrís de pólvora e levados a bordo do “Loire”dous canóns de bronce e algunhas armas de pequeno calibre.
As pequenas embarcacións de pesca que se encontraban fondeadas na baía e varadas nas praias, foron respectadas polos atacantes.
Deste asalto dos ingleses quedaron sinais: na igrexa da Virxe do Camiño, e no balcón da casa da Turacha , sita na rúa da Marina, en cuxo edificio estivo pendurada, como recordo, unha bala de ferro, de canón, que se conservou ata que fai poucos anos que ardeu ese edificio. O ferro non queima, pero a bala desapareceu. No cruceiro da capela de San Xosé, outra bala de canón parteulle as pernas do Cristo, e estivo así ata o ano 2000 en que o Concello que tanto celo demostra para con outros patrimonios, deu a entender que a historia nada lle importa, xa que, a sabendas, lamentablemente permitiu e consentiu que as pernas do Cristo fosen restauradas.
Poucos días despois, o 25 do mesmo mes, unha frota franco-española enfrontouse aos ingleses capitaneados por Calder en augas de Fisterra.


Manuel M. Caamaño
"A historia escrita polos vencedores non sempre se ten que corresponder coa veracidade dos feitos..."
(Manuel M. Caamaño, en The Muros Times)

En intrahistoria, un experto
ao socairo das murallas,
o muradán ben desperto
foi triunfador, a cuberto,
de memorables batallas;
contra o francés, francamente;
contra o inglés, igualmente,
subastador de barallas,
competidor de migallas
cando o corsario indecente
levou consigo as agallas;
xa en cadaleito as mortallas,
rexistrou correctamente
nun pergameo as medallas.


(Rioderradeiro)


Foto: -A VERSIÓN DO GAÑADOR-


A historia escrita polos vencedores non sempre se ten que corresponder coa veracidade dos feitos... De feito, poucas veces se da tal. Nin os indios foros sempre os malos, nin os vaqueiros os bos...

Aquí vos deixo unha copia do diario de a bordo do fillo da Gran Bretaña e capitán do buque  "RMS Loire" Que entrou na ría de Muros aló no mes de xuño de do ano 1804 para conquistar o castelo de Muros e levar canda el de remolque ao buque da Mariña francesa "Le Confiance" que se atopaba fondeado na baia da vila en resgardo e facendo algunhas reparacións.
Dende aquela hai un dito moi socorrido na vila cando alguén che pide que teñas confianza en algo ou en alguén. A resposta dun muradán moi posiblemente sexa: "Non home, non. Que a confianza levouna o inglés"





Manuel M. Caamaño



4 de xuño de 1805
Novos ataques ingleses ao sur de Fisterra. Valor e Fidalguía en Muros.


Segundo despachos de fontes ben informadas o capitán Maitland, ao mando do Loire, soubo por boca de mariñeiros apresados da capturada corsaria Esperanza da existencia dunha nave corsaria francesa de vinte e seis canóns fondeada en Muros, na bisbarra das Rías Baixas, e lista para facerse á vela.
Resolto a capturar ou destruír a nave francesa, arredor das nove da mañá do día catro de xuño, o Loire arrombaba coa marea as inmediacións de Muros remolcando os botes de abordaxe, cincuenta almas entre oficiais e homes baixo o mando, novamente, do bizarro tenente Yeo asistido nesta ocasión polos tenentes dos marines reais Samuel Mallock e Joseph Douglas e o segundo tenente en funcións Charles Clinch.
Nada máis acadar a punta de Muros, o Loire viuse sorprendido polo lume dunha pequena batería de dúas pezas longas de 18 libras. Aínda que o capitán Maitland ordenou contestar ao lume puido constatar que os canóns inimigos estaban tan vantaxosamente situados que poderían causar graves danos á súa nave sen apenas recibir danos polo lume contrario. En consecuencia, encoméndaselle ao tenente Yeo a misión de desembarcar e inutilizar a batería.
Unha vez que os botes de Yeo dirixíronse cara á costa, Maitland arrombou a súa nave cara ao interior da baía de Muros para descubrir dúas naves corsarias francesas: a corbeta Confiance de trece portas por banda e o bergantín Belier de dez por banda. Segundo parece ambos os dous buques estaban en posición de abrir lume pero, por razóns que descoñecemos, ningún deles o fixo. Iso permitiu que a tripulación do Loire concentrase a súa atención nun forte dotado dunha batería de doce pezas longas de 18 libras que, inmediatamente, abriu lume a unha distancia menor a un cuarto de milla.
Maitland ordenou repeler o lume do fortín pero o tiro inglés, aínda que ben dirixido, resultaba ineficaz fronte á rexa construción inimiga. Durante varios minutos, o Loire sufriu un castigador canoneo que causou varias baixas, concretamente nove feridos tres deles graves. Cremos que de continuar o lume, moi posiblemente o navío inglés resultase destruído ou capturado pero a intervención do tenente Yeo resultou decisiva.
Tal e como se lle ordenara, Yeo e a súa forza de asalto desembarcaron e, tras unha breve refrega, neutralizan a pequena batería que hostigaba ao Loire desde a punta. Porén, apercibido do castigo que estaba sufrindo a súa nave a conta das pezas do fortín, resolveu asaltalo. Malia descoñecer o número e forza dos seus ocupantes, Yeo dirixiu á súa exigua tropa por terra acadando a porta exterior do forte.
Os españois, que non previran de ningún xeito un asalto terrestre e xa que toda súa a atención concentrábase no Loire, deixaran aberta a porta por que irrompeu a tropa inglesa. A gornición contaba con vinte e dous soldados españois mas un considerable número de cabaleiros e aldeáns voluntarios e uns cen homes da dotación do corsario francés Confiance. A loita no interior foi breve e sanguenta pero a sorpresa e o arroxo foron bazas fundamentais para que, ao cabo de pouco tempo, as cores británicas ondeasen no máis alto do forte. A seguir, unha vez cravados os canóns e estragadas as cureñas, procedeuse a voar as troneiras e outras partes do fortín para embarcar nos botes e regresar ao Loire. As baixas na forza do tenente Yeo foron de seis feridos, incluíndo ao propio Yeo, o señor Clinch, tres mariñeiros e un marine.
Paralelamente o capitán Maitland, tras facerse cargo dos dous corsarios franceses e dun bergantín mercante español tamén fondeado, enviou unha mensaxe á poboación asegurando que en ningún momento daríanse actos de pillaxe nin se atentaría contra as vidas e bens de propios.
Unha delegación formada por notables de Muros agradeceu persoalmente ao capitán inglés o seu nobre xesto así como o cristián proceder do tenente Yeo e os seus homes cos feridos españois e franceses do fortín.
Unha vez máis séntense os efectos do bloqueo británico e da audacia dos seus ataques. Polo menos cabe agradecer comportamentos como os do capitán Maitland que, no seu dereito a facer a guerra, procuran evitar sufrimentos aos paisanos.




Deixovos tamén uha ligazón onde podedes ler o orixinal en inglés, para os que dominedes esa extraña lingua.

The Annual register, or, A view of the history, politics, and literature for ...
 By Edmund Burke
http://books.google.es/books?id=jnJIAAAAYAAJ&dq=muros%20yeo&hl=en&pg=PA536%23v=onepage&q=&f=false#v=onepage&q&f=false