( Ao abeiro do fondo musical, ilustración e imaxe da súa dona, texto de MUJER DE BLANCO SOBRE FONDO AZUL, magnífico poema do finado Ramón Rey García, MONCHO DO POLO, meu entrañable conveciño, amigo e confidente do primeiro tramo da vida )
Arestora do maio esmorecente
Ti, Moncho, REY, capitán liberado
do fardo e ligaduras do humano existir,
Ti, paladín de eternas fermosuras,
na nao tan traballosamente construída
nas ribeiras da vida,
andas a navegar, xa avezado e lixeiro,
polos mares infindos do bonancible alén,
ouro en pano, gardada a garimosa aperta
para a nosa acollida.
Mais non conforta sabelo:
precisamos sentilo.
Senlleiro timoneiro, coas velas infladas,
cando alcances as rías,
amosa, debuxa nun aceno,
aquel signo de paz, heraldo da beleza…
E tamén, paz, a nós, teus dilectos amigos,
orfos desventurados desde a brusca partida.
Mais non conforta sabelo:
precisamos sentilo.
Redobren, marciais, solemnes,
os sons do bombo e da gaita
da Galiza inmorrente.
Resoen, unha vez máis, na memoria
e na honra de quen sementou,
a mans cheas, a fartura poética do amor
e da amizade que te fixo grande para sempre.
Mais non conforta sabelo:
precisamos sentilo.
Que o poeta e o home de ben,
que sempre fuches,
derrame nos nosos corazóns o agasallo
do teu retranqueiro sorriso.
Mais non conforta sabelo:
precisamos sentilo.
Moncho do Polo, meu Rei, meu Capitán,
meu confidente,
meu máis dilecto Amigo…
(Rioderradeiro, en Vigo, a 29/05/07)
Sem comentários:
Enviar um comentário