sábado, 14 de abril de 2012

- Coroarse co toxo e co loureiro!


  Cando o tramo final desta aventura

percorro en mal agoiro avellentado,

debago o don da vida recargado

dun rebelde sen causa e sen cordura.

 

  Da revolta invernal da curvatura,

cos ollos da nenez, decorro andado

e dubido de terme involucrado

na derrota vaivén desta andadura.

 

  Baixo en río sen auga e sen aliño,

corro, escapo de présa, ou paseniño;

collo atallo que entallo en man baleira, 

coa dor de existir por compañeira.


  Quen puider elixir o seu camiño 

cara á meta, e, no podio verdadeiro,

coroarse co toxo e co loureiro!



                          (Riderradeiro)