quinta-feira, 5 de abril de 2012

Amortallando a luz dunha quimera.


  A tormenta de nubes xa quebranta,
a envoltura do tempo xa atormenta,
a  chuvia fai do vento ferramenta
a enfarelar a terra cando avanta.

  A fasquía da tarde, terca, aguanta,
tatexa e porfiante representa
desventurada luz sen vestimenta
que o mar maior deglute por garganta.

  Non hai repetición senón ocaso,
non hai perdón de graza nin retraso
do día que esgazou da grande esfera;

  Se a branca nube se tornou severa,
será porque o solpor firmou fracaso
amortallando a luz dunha quimera;

  Estertores de inverno en primavera.


                                (Rioderradeiro)