segunda-feira, 25 de junho de 2012

Co lume por talismán.

The Feast of Saint John.jpg
( Festa de San Xoán, obra de Jules Breton.)

  Elas son, coma doncelas,

raíñas das cacharelas
que despertan talismán;
medren de présa benditas
as chamas sempre malditas
polas queimas do verán.

  Ábranlle a porta ao serán,
as nenas xoguen sen saia
por San Francisco, na Praia,
con donaire muradán.

  No meu corazón cristián,
MonteLouro, ti palpitas,
do Olimpo, ti precipitas
laradas de San Xoán.


               (Rioderradeiro)

Imagen1
(Foto de Manuel Lago Álvarez)

Da muller reverdecente


  Debuxa o demo unha torta
con recendos de muller;
este home non soubo ver
a pedra que tiña á porta.

  Cabeza a quen só lle importa
nada máis que o recender,
como soe acontecer,
enfociña en obra morta.

  Sabe Deus do demo todo,
pero déixao libremente
disfrazar de moita xente.

  Confesado aquel apodo,
debruza testa en tal lodo
bicando en chan a semente...

  Da muller reverdecente
o varón polo acomodo.


(Rioderradeiro)