segunda-feira, 6 de setembro de 2010

en cada flor os pétalos regalan




Costa tanto tornar polos teus brazos
Que o sangue conxelou na indiferencia;
Se en fría carne non arraiga a esencia,
Imposible volver polos abrazos.

Costa tanto quentar os vellos azos;
Das cinzas consumadas na fogueira
Endexamais xermola sementeira;
¡Como resucitar no teu regazo!

Pois pura dor é pura fantasía,
Pois puro amor é fráxil flor dun día,
A dor, a dor só co querer se apaga.

En cada flor os pétalos regalan
A libación dunha contrapartida:
Sempre o amor con máis amor se ampara.

(Rioderradeiro)