segunda-feira, 19 de março de 2012

Antes de ser corrompido.


  Por moito correr, inquedo

por demais, ben implantado,

por te sentires calzado 

no maxín, coma un tancredo,

no soño... vés disparado.

 

  A mente monta mordaza

de contención do sentido,

pon recanto comprimido

de cantautor con coraza,

calza buceira ao sufrido.

 

  Por moito correr cargado

de camiños na cabeza,

ninguén desanda a vileza

dun mundo desvencellado

do corazón da beleza.

 

  Que é vivir? Talvez volver

ao tempo inxel de nacido,

firmar co propio apelido

e de pronto esvaecer

antes de ser corrompido.


                      (Rioderradeiro)