segunda-feira, 2 de maio de 2011

Deica engulir, de estoque, a cruel espiña.


  Non derramou máis crebas sobre a praia
a vaga que arribou co seu recado,
non lle sumou máis penas ao penado
quen inscribiu na quilla esa batalla.

  Non derramou máis folgos nin metralla
corisco que incrustou no bico arpado,
non lle sumou máis prendas do mandado
quen describiu verdugos de atalaia.

  O tempo en mocidade é falangueiro,
conversa de vagar cando aloumiña;
o tempo é touro manso e touro fero,
acomete en zigzag cando apoupiña.

  O tempo en madureza é traizoeiro,
o tempo na vellez cobra severo:

  Rilla na rosa a treu, ceiba rapiña,
deica engulir, de estoque, a cruel espiña.

                   (Rioderradeiro)