domingo, 11 de julho de 2010

bicando eternamente a túa silueta.





  Arrebatoume a parca o meu guieiro...
Pois tanto meina a dor e contamina,
sinto o furgar infecto na ferida,
sen o timón, sen mastro e mais sen remo...


  Sen o timón, para o meu mal; sen remo...,
resistirei no meu barco á deriva;
porque, sen mastro, as velas son cativas
do penar do meu sangue en cativerio.


  Cando, por fin, remate o extravío,
hase render a pel ao seu destino,
e voarei coma unha bolboreta...


  Ter coroada a miña alma inqueda
cando encalmar a saudade contigo
bicando eternamente a túa silueta...


(Rioderradeiro)

... e manda o recado á beira.














  Abre, meniña, a luzada…
Do bico da Madanela,
pendura a miña mirada
que enxerga e corta e recrea
e mesmo se balancea
na badía muradana;
ao abeiro da alborada,
púxolle o rumbo á gamela
polo recanto da Creba
camiño de pena brava,

          **

  Fanecas na fanequeira…
Alborexa no Barbanza,
lumbriga nas Paxareiras;
desde Esteiro ata a bocana,
corenta lanchas xeiteiras
por tres dornas arousanas.
Cruz de Pelos pestanexa,
Oroso pinta e regala,
O Calvario fita e reza,
e pon letra á sardiñada.

          ***

  Naraio acena tristeza…
Alporiza a mar rizada,
rolan as vedrañas vagas
por Meixide e Ximiela,
por Birullos, pola praia.
Peta o vendaval de cara,
gaivotas cara a Fisterra,
testemuña a Pallagueira,
a choiva deixa pegada
nas malloeiras, na area.

          ****

  Birullos ronca e escumalla,
e manda recado á beira.

        (Rioderradeiro)