domingo, 13 de fevereiro de 2011

De novo xermolar en vella estrela.


  Mergulla o sol. O serán solta a brida
dos vagalumes e das belas fadas;
alampa o sol paixóns atoleiradas
que destronan do ceo á noite espida.

  Mergulla o sol. Aprázase a partida
contra tahúr de carta remarcada;
apostatar decote importa á espada
cando empurra na pel máis pervertida.

  Mergulla o sol. Un anxo prende a vela
de embarullar ruletas do casino,
pois barallarlle ao naipe a cara bela

  É  na timba apostar como adiviño
outro prazo maior cara ao destino.
Mergulla o sol. No mar, por centinela,

  De novo xermolar en vella estrela.


(Rioderradeiro)