Apreixar o instante...
Acenderlle unha vela
Ó santo da memoria,
Pois a memoria é cega...
Apreixar o instante...
Cinguilo coa cadea
Da luz que resucita
O pasado das tebras.
Apreixar o instante...
Dicir hoxe sen pena,
Porque o mañán e o onte
Coman na mesma mesa.
Apreixar o instante...
Ficar ledo ou a espreita:
O corazón decida
O que mellor conveña…
Que o corazón decida
Cando prenderlle a vela
Ó santo da memoria,
Apreixar o instante,
Cinguilo coa cadea
Da luz que resucita
O pasado das tebras;
Pois a memoria é cega...
¡Que o corazón decida
Se hai que apagar a vela..!
(Rioderradeiro)
___________
Sem comentários:
Enviar um comentário