sexta-feira, 24 de maio de 2019

Desde algures, de bedel.



  Xerardo, feito a cicel,
rocha ruda o seu perfil,
alma agreste de alguacil
intérprete dun papel
de pícaro, pueril.
  
  Xerardo, que gran cartel!,
vigoroso, xuvenil,
entre saias, sen cuartel,
todas a xogar con el
á pitacega..., ao pernil:

  Pertinaz o pirixel, 
rapazadas pola pel,
extinta luz do candil,
palpadelas co viril.

               ***

   Desmontado o seu fusil
-testemuña outro pincel-, 
tralas nubes, de bedel,
Xerardo, vai de civil...

       
          (Rioderradeiro)




segunda-feira, 13 de maio de 2019

que é, nun xardín, regalar.


   Este pétalo enramado
propenso a desenramar,
eis noutro peito encravar
onde revive encarnado,
onde relouca arroubado,
onde reclama o recado
-secreto particular,
a sede aprende a pensar-:
auga invocada a regar
polo canal indicado,
polo contexto apropiado;
pode, galán, regalar
á rosa que ha perfumar
un firmamento privado,
un universo estrelado;
que o tempo sabe contar
-táboa de multiplicar-
polo pelexo ilustrado...

  Que o tempo sabe esperar
polo pelexo encoirado.


        (Rioderradeiro)

segunda-feira, 18 de março de 2019

Estas botas-calcetín...


Disfraz de Cabaret Vudú con Sombrero Rojo para Mujer - MiDisfraz



  














  Estas botas-calcetín...
envaiñan pernas divinas;
embriagan, ambas, tan lindas!;
como desfilan por finas
pasarelas de botín!

  Pasarelas de botín!;
campantes almas xemelgas,
excelsas alas doncelas,
galopantes, cal gacelas,
corren, brican, deica min.

  Corren, brincan, deica min---;
eu non son quen de entendelas,
eu non son quen de atendelas,
eu non son quen de detelas
co florete dun xasmín.

  Co florete dun xasmín...;
que as pernas son valerosas,  
que as pernas son vaidosas,
que as pernas son vaporosas
bolboretas de xardín.

  Bolboretas de xardín...;
en levidade, libélulas;
en señardade, subelas;
en subconsciente, son elas
argadelos de maxín.

 Argadelos de maxín....:
envaiñan pernas divinas;
embriagan, ambas, tan lindas!;
como desfilan por finas
pasarelas de botín!



         (Rioderradeiro)



Hermosa bailarina de cabaret con zapatos rojos y sombrero.

domingo, 17 de março de 2019

.- O cravo que me reclamas...


  O aguillón que me agasallas,
arpón teu, miña condena...

  Crávasme o cravo na chaga,
desamparas ferramenta;
co martelo da túa ausencia
martelas concupiscencia 
do meu corazón en chamas.

  Se ancoro dorna en máis calas,
ao socairo das ribeiras,
co teu desdén me desvelas,
me cativas, me encadeas
a descravar as túas garras.

  O cravo que me reclamas,
rizón teu, miña gangrena...

   (Rioderradeiro)



quinta-feira, 21 de fevereiro de 2019

.- de ser real..., que me atrape?

Resultado de imaxes para juegos de casino


  Soñar? Levantar alfombras?
Debater sobre aporías
de contumaces manías
na vacuidade das sombras?

  Vivir? Non vivo. Padezo
o baleiro de existir,
a pretensión de esixir
outro escenario a bo prezo.

  Xogar? Non xogo. Son naipe
dunha baralla abatida;
son dado para partida
que un gobelete destape.

  Potencial ente? Consisto?
Con que premisa me invisto
de ser real..., que me atrape?

  Que me atrape e que me empape
desa entelequia..., onde existo !?


  (Rioderradeiro)