Domingo, 29 de Janeiro de 2012

.Sen plumas, vive estafado.




Vivía ao grande solteiro
(nunca un galo é ben casado),
A muller, por telo atado,
Aos pés da cama, faldreiro,
Desplumouno dun plumeiro
Coma raposa o tellado,
Fixo del can de palleiro
Ladrador, por descontado,
Obediente e baralleiro,
A gardar corte, porteiro,
A cantar canto, encantado,
Á galiña consagrado...

Abrindo arpexio en regueiro,
Este galo sobranceiro, 
Que vai de fronte ao pecado,
Masoquista verdadeiro,
Competidor de poleiro,
Calza espolón recastado,
Esnobismo encadeado,
Fasquía de falangueiro,
A ollos de bon cubeiro,
Copia dun ovo incubado 
Sen xema, polo pelado,
Quiquiriquí, mariqueiro...


Vivía ao grande solteiro;
Sen plumas, vive estafado...

(Rioderradeiro)



(Wikipedia)

Terça-feira, 24 de Janeiro de 2012

Vento en vela, a babor, na flama urxente...


Este corpo mortal colma delito 
Que ha purgar a tobeira ao envaiñalo;
Na fervura da pel, por abrasalo, 
Man de demo derrama o manuscrito. 

Man de santo demanda do infinito 
A sustancia do ser para asentalo; 
Enfatiza na fe, rende regalo, 
Pon na gloria o gozar canto está escrito. 

Este corpo en pecado permanente, 
Eis o cego delirio adolescente,
Este cardo na carne escarnecida, 


Eis o desgairo en graza perseguida,
Este xogar ao chou tan de repente, 
Eis a sorte cortada e repartida...,

Cando a présa da morte é percutida
Na braveza da pel, purga insolente,
Vento en vela, a babor, na flama urxente...

(Rioderradeiro)




Quinta-feira, 19 de Janeiro de 2012

veleno en augamel, polo arrebato...


 ... e non fuxir de min cando deserte 
deste soño inflamado en pesadelo 
reforzando en fogón para mantelo 
máis leña de soñar cando desperte,

... e non saír de min cando me alerte 
de acompasar, tal vez a contrapelo, 
monólogo interior co ritornelo 
de competir co son cando me aperte. 

A vida que levei e que inda levo 
semella unha moción contra o recato; 
non me importar saber se disparato 

no baile do vivir, porque me atrevo 
a debater comigo cando bebo 
veleno en augamel, polo arrebato... 

(Rioderradeiro)


Quarta-feira, 18 de Janeiro de 2012

Cando estrugas, xa estragas gran de trigo.




Remanso da nenez reconvertindo 
Rever pola memoria recordando, 
Rebote en mocidade retumbando 
Relouca en madureza resumindo. 

Rebelde insensatez amamantando, 
Reborda aquel fardelo referindo 
Recalcos do seu fato repetindo 
Recargos doutro tempo amurallando. 

A penas prenda pan na pel da espiga 
Premisa de perfil alborozado, 
Retumba a voz do tempo alporizado 

Mordente con mordaza en mans da intriga. 
¡Quen puidese romper fatal castigo! 
Cando estrugas, xa estragas gran de trigo! 


(Rioderradeiro)


Sábado, 14 de Janeiro de 2012

Profunda o sol polo ocaso.



Cómprelle á luz refulxente  
Rebuldar, pulir relato,  
Resplandecer con recato,  
Sucumbir concupiscente.  

Cómprelle ao sol, de repente,  
Pagar, con cargo ao arrebato,  
O prezo do seu retrato  
Que encova cont(r)a corrente.  

A nube que está madura  
Do ceo ao mar garda o paso  
De repousar na espesura;  

De cara e cruz, a fartura  
Depón o Rei, sen factura, 
Na ofrenda fiel do fracaso; 

Profunda o Sol polo ocaso, 
Transfire en luz ligadura. 

(Rioderradeiro)


Quarta-feira, 4 de Janeiro de 2012

Un soneto de amor con escalpelo.


Cando invocas amor, logo respondo,  
Coa espada de luz loita proclamo; 
Se pronuncias amor, ao teu reclamo, 
Coma prícipe azul, labro en redondo. 

Cando invocas amor, véxome espido 
Brindar pola ilusión que arma o pecado; 
Se pronuncias amor, coma un soldado, 
Desbordo aquel fortín máis espelido. 

Cando invocas amor, xa me interpelas, 
E decides por min, abres, apelas 
Diana ao corazón, franco castelo; 

Se pronuncias amor, reverdecelo 
É profundar a dor, inflar das velas 
Insuflando á paixón máis sarampelo..., 

Un soneto de amor con escalpelo. 


(Rioderradeiro)


Segunda-feira, 2 de Janeiro de 2012

Avala o mar da badía...


Bebeu da fonte sagrada
A balea en pedrería,
Perfuma en bruma a valía
Da nobreza aquilatada.

Brinda beleza en varada,
Avala o mar da badía,
Aprende da baronía,
Non se resiste á balada.

Contra os chuvascos chantado,
Contra os salseiros ganzúa,
Se por mor do vento brúa,

Devén veleiro abrumado:
MonteLouro , fiel da lúa,
Recibe o sol abraiado.

Bebeu da fonte sagrada
A nobreza aquilatada...

A balea en pedrería
Avala o mar da badía...


Brinda beleza en varada,
Non se resiste á balada...


Perfila o feito a valía,
Aprende da baronía...


(Rioderradeiro)




Quarta-feira, 21 de Dezembro de 2011

Hai fisuras na fe para afogalo.

  
A desbocada noria roda en río
Que adoita remexer na propia mente
Convulsionada historia persistente
Reverdecendo chaga en desafío,

Desaforada, enfía o desvarío
Da pena que afincou profundamente,
Un calco reservado ao subconsciente
Da praga descargada en albedrío.

Pon cara ao seu revés; quere curalo;
Reprime, atormentado, revivilo;
Non sabe asulagalo e suprimilo,

Na noria de papel representalo.
Convén, para vencer, desvencellalo,
Desafïarlle o fel, por malferilo.

Faltan folgos e afán para afundilo,
Hai fisuras na fe para afogalo.

(Rioderradeiro)


Terça-feira, 20 de Dezembro de 2011

Semente de vencer, que vai contigo.


Caes, tarde; outra vez, cingues perigo
De afogares ao son da marusía;
Enxordeces a luz; por ardentía,
Ansías incendiar campo inimigo.

Caes, tarde; en tropel, cargas castigo;
Serán, no anoitecer, prende, porfía
Na cerrazón de ver tanta manía
Cegadora dun sol que vén de antigo.

Caes, tarde; outra vez, funil de albura
Ben propenso a plantar na sepultura
A semente da luz que se resgarda.

Caes, tarde; en tropel, hoxe, espingarda
Apuntando Astro Rei con partitura
Dun coro maxistral de anxos da garda.

Caes, tarde; ás de tres, pozo en poxigo,
Semente de vencer, que vai contigo.

(Rioderradeiro)


Sábado, 17 de Dezembro de 2011

As fronteiras da pel da primavera.


Como desauga o río ao baleirarse,
Así, desangro a vida a toda présa,
Sen reparar que arquiva, e non regresa
Da eternidade onde vai refuxiarse.

Se tempo que estraguei, ¡ai!, retornase
En carne de existir mellor medida,
A causa que servín tan mal servida,
Nesa nova edición máis requintase.

Como caudal de río a veiga arrasa
E non refrea canle nin tempera,
A vida invade, corre, e acelera...

Se tempo que estraguei non desespera,
Á eternidade irei por ver que pasa
Co pente do pracer cando traspasa

As fronteiras da pel da primavera.


(Rioderradeiro)

Quinta-feira, 15 de Dezembro de 2011

¡Tripulantes..!, ¡baixel SANTA MARÍA..!

"...primero del mes de febrero de mil seiscientos y cincuenta (1.650), dirigidos al Señorío de Biscaya, en dicho día había dado dicho navío (SANTA MARÍA) en una roca que se dice de las LES (Lens), una legua poco mas o menos de la dicha villa (de MUROS), en donde dicho navío se deshizo, y de la gente que llevaba se aogaron catorce, salbándose los más. Y saliendo algunos de dichos muertos a tierra acia el puerto que se dice de Ancoradoyro, feligresía de LORO (Louro)... "  (Arquivo parroquial de Muros, folio 24 v., segundo o P. Atanasio López, da O.F.M, de quen transcribo literalmente.)

Archivo:Santa-Maria.jpg
(Réplica SANTA MARÍA, Wikipedia)

Algo presinte a nave derivando, 
Aventureira branca avelaíña,
Por desbordar a lei, cando acariña 
A traxedia que o vento anda tramando. 

Algo presinte a proa procurando 
Apouvigar veleiro que apoupiña 
Inferno en vendaval, porque aveciña, 
Presa do Mar Maior, como empurrando. 

Alguén pregou -¡pois quen non pregaría!- 
Perseverar nos folgos que o mar traga; 
Último adeus no pranto reprimía 

Breve estertor dun eco que se apaga; 
LAXE das LENS, desvela sorte aciaga: 
¡Tripulantes..!, ¡baixel SANTA MARÍA..! 

(Rioderradeiro)



(Gaby Casini, artiste peintre: http://casinigaby.blogspot.com/)