terça-feira, 29 de junho de 2010

...para aportar contigo a toda vela.




  Non cabe na paixón o verso alado
nin cabe na palabra a voz do día;
non cabe na razón a luz amiga
nin cabe no rizón o vento arpado.

  Non cabe nun saber tanto calado
nin cabe nun sabor tanta ardentía;
non cabe nun solpor tanta fatiga
nin cabe nun sudor tal desenfado.


  Dispara o mar mil dardos sen cautela;
o discorrer do tempo non perdoa:
a vaga leva e trae a mesma area…

  Pois navegar é gozo e mais cadea,
quero desafiar a onda á proa
para aportar contigo a toda vela.


     (Rioderradeiro)



Implanta amores no río



  Implanta amores no río
a filla de Xan Vicente,
ela, tan doce e decente,
leva a puntada consigo,
sementa na canle o trigo,
afinca na entraña o dente,
non repara na corrente,
tira de faixa e de fío,
engaiola ao señorío…


  Á vista de toda a xente,
a filla de Xan Vicente
implanta amores no río. 
    

       (Rioderradeiro)



_