segunda-feira, 25 de outubro de 2010

Sempre, vermella ou murcha, a rosa gaña.


  A rosa, que escintila, entorna a saia,
demuda a tez de cando foi doncela,
e cambia, e murcha aquela cara bela
coa palidez do tul cando desmaia.

  Canto aquel amencer que tanto asombra;
canto comparecer, tanta mudanza;
canto o seu demudar, tanta esperanza;
canto ese encrequenar, tatuando alfombra.

  Atesoura a corola unha ferida
na rosa de algodón cando engalana
de peregrina luz que vai vencida;

  Á rosa en velatorio consumida,
ás portas do solpor que se empantana,
ofrécelle o serán campa cumprida...

  Na roseira do mar, que é soberana
dun novo alborexar en nova vida:
sempre, vermella ou murcha, a rosa gana.

        (Rioderradeiro)