segunda-feira, 9 de setembro de 2013

por mil anos no salseiro

A cabeza do pescador (e para máis a do pescador de cana) é un Longarela, un rodicio de soños, un contumaz laboratorio de ideas revoltas, un encoro (ás veces, poucas veces, un encoro!), unha fervenza de desexos irrealizables, de penas atrasadas, de amores perdidos, unha avenida de ilusións, coma un río caótico, desbocado, camiño da inmensidade do Mar, onde alguén, algo.., unha realidade inédita, outra clase de vida. está, alí, á nosa espera. Cousa linda é soñar, entre angurias e contradicións, ignorando as miserias.


  Por se impoñer ao rapaz,
que pescaba no peirao
do Gran Sol ao bacallao,
exerceu de capataz.

  Por cumprir coa encomenda,
probo axente do naval
recibiu como adival
incomprensión por prebenda.

  Por colgar do taboleiro
un reproche xusticieiro
contraditorio coa lei…,

  por irrespecto a quen sei,
coma se fose de aceiro
servir na dársena ao Rei…,

  por ter paz, porque atopei
veleno en tinta e plumeiro
de quen disparou primeiro…,

  por malmeter o peteiro
peixe na brinca, empurrei:
protesto, e protestarei...

  por mil anos no salseiro
que por un pelo apalpei.

   (Rioderradeiro)