terça-feira, 10 de abril de 2012

A frecha que acertou na regalía.


  Non ben parto de ti, fóra do abrazo,
xunguido ao presentir da chama altiva,
esa flama en por si libre e cativa
que en lendo o corazón prende embarazo,

  Non ben parto, sen ti, do teu regazo,
perde paz pedernal da man que activa
pólvora tan voraz como abrasiva
en fogueira de amor cando te emprazo.

  Terra de promisión onde a beleza
pode rivalizar coa nobreza
por contender, leais, na moradía;

  A prenda onde apuntei non se avalía
se non apostan dous en fortaleza
e parten por igual a plusvalía.

  Empeño de empatar: delicadeza,
a frecha que acertou na regalía.

                                   (Rioderradeiro)


Firmando a pluma!


  Unha vela no mar,
de marabilla!,
pondo no azul primor,
loce sinxela!;
a canoa a campar,
compás na quilla,
por mar que din maior
fan de novela!


  Unha vela avanzar,
na vaga arela,
folerpa, pomba, flor,
branca gacela!;
revelando un cantar
que sabe a bruma,
cruceiro a pé da dor,
como acostuma!


  Outra vela a inflamar,
de centinela,
dá candea a babor,
farol da escuma!;
sabe a bela brillar
coma unha estrela,
sabe a vela a vigor…
firmando a pluma!

                     (Rioderradeiro)