terça-feira, 5 de outubro de 2010

Picada de alacrán que te namora

  Amante alporizada xa novela
na luzada do amor, que é fuxidío;
temón leva na man, coma albedrío,
tesoiras de entallar o mar na vela.

  Amante cose, e fía, e fai subela
coa rella de enrellar o teu navío;
amante troca amor no señorío
de lle cortar a luz á túa estrela.

  Se amante vai, e vén, e incerta mora
na indeleble pegada do teu niño,
camaleón cabal, cando te adora,

  Vampiro do teu ser no seu camiño,
picada de alacrán que te namora,
se implanta a lei do cuco no aloumiño,

  Direi, por Deus, meu ben:-en mala hora..!

(Rioderradeiro)