terça-feira, 2 de outubro de 2012

Co seu bastón por catana.

Toma as notas no xornal
Para aforrar na libreta;
De zurdo escribe, interpreta:
-¡Insurrección cantonal..!

Mete a trote en carabina
Palabras sen calzador:
Ben precisa un extintor
Para encalmar gasolina.

Din que en galego lusista,
Con retranca loureana,
Crea, recrea, reencana

Credo revolucionista;
¡Vive Deus!, se se despista
Na tenda, por tarambana…

Que escude o cu con badana
Cando Milagros llo asista
Co seu bastón por catana.


 (Rioderradeiro)



Devolve ao mar tempo mozo.


  Con traxe de presidiario,
a vela co vento vén;
parece que lle convén
á driza o ton carcerario.

  Non lle presta ao calendario
un vendaval con cortina;
pixama a raias culmina
en porto, no relicario.

  Peirao..., fóra aloumiños,
espido o mastro de aliños,
truncado o seu alborozo,

  Sen remos, sen aquel gozo,
sen azos, no calabozo,
eivada a luz dos camiños...,

  Desbordando aos adiviños,
devolve ao mar tempo mozo.

(Rioderradeiro)