(A meu pai, roubado pola morte un martes, 13 de Abril de 1965, na súa plenitude, cando máis falta nos facía, e el, despreocupadamente alleo á derradeira viaxe, se dispuña a contempla-lo partido de baloncesto Rusia-España.
Máis orfo que na primeira hora, quero recordalo e honralo. El sería merecente de mellores versos.
Que poucas recompensas lle ten deparado a vida! Reciba a forza emocionada do meu afecto, e descanse en paz quen para nós o fora todo, e nós para el, de seguro, tamén.)
Aínda a imaxe na memoria erguida,
aínda as bágoas queiman as meixelas,
aínda o tempo non pechou a ferida,
aínda a dor no corazón latexa.
Nesta chaga que meina cada día
hei plantar unha árbore froiteira
afincada no amor que é garantía
de se manter vizosa a sementeira.
Pensando ben, á casa onde eu vivira
convenlle alzarse á sombra da figueira;
así que esta é a árbore escollida...
A pór no corazón, e na conciencia,
esa eira circular da sintonía
de nos sentir, meu pai, á túa beira.
(Rioderradeiro, Vigo, 4 de Xuño do 2003)
Sem comentários:
Enviar um comentário