terça-feira, 4 de novembro de 2008

IN MEMORIAM de JEAN-CLAUDE BENOIT.

















IN MEMORIAM de JEAN-CLAUDE BENOIT
(Na cara oculta do espello)



  Mon cher beau-frère:


  Horas tristes, amigo, non para ti, que gozas desa visión intemporal
do humano devir,
na cara oculta do espello da existencia,
na gaiola da morte,
onde todo queda,
para sempre,
como pendurado, estático e relativizado.


  Son tristes para nós,
notarios hoxe da túa partida
e do propio vivir,
sobrecargados co baleiro da ausencia,
que non son quen de encher milleiros de palabras
nin as bágoas da amarga despedida.


  A túa imaxe fresca e latexante fálanos dunha historia
por máis de trinta anos compartida,
como se aínda puidese ser resucitada,
ampliada e correxida para reterte á beira nosa,
pero non é así;
non é así, porque xa non estás entre nós,
e non podes cambiar o rumbo do teu destino
nin dar pulo esperanzado ás ilusións do noso empeño.


  Quero, benquerido irmán e amigo,
- que outra cousa che podo dicir nesta hora?-,
quero agradecer
a túa amable e xenerosa presencia no mundo,
tan crucial e decisiva, se me poño a pensar,
na miña vida.


  Grazas por te teres acercado a Galicia,
- teu e noso país -;
a Louro, tamén casa común;
por fundares aquí,
coa miña xente,
unha familia;
por seres tan calada e autenticamente bo con ela...


  Hanme quedar, de seguro, moitos máis motivos
dignos de particular agradecemento;
non é cuestión de medilos
e esgotalos todos.


  Esta aperta corre na busca da túa esencia,
inmorrente,
para estampar nela todo o afecto e consideración
que da miña parte, en xustiza, te mereces.


  Ata sempre, Jean-Claude Benoit!
– grito, arestora, desde esta outra banda do muro
que tan definitiva
e dolorosamente nos separa-.


  Poño, ao teu libre dispor, unha praza preferente
na memoria deste meu corazón ferido.


       (Rioderradeiro, en Vigo, a 29 de maio 2005)




Sem comentários: