Fisterra, 1926, Ruth Matilda Anderson)
Home, na ventá, interrogante lector de paisaxes...
Home tristeiro, cobizoso de inmorrentes fermosuras,
contempla unha paisaxe que non lle pertence,
que non a sinte no celme, na raíz, sustancia súa.
El é dono doutra terra,
doutro mar, máis aberto,
mar limpo, máis vivo,
desbordante e vizosa Costa da Morte...
Home a esculcar desde a súa fiestra:
diante dos ollos, a montaña magnífica, verde, baril,
sempre augusta, dolorosamente allea.
O mar persoal na testa, sempre na memoria, no íntimo:
ai!, o mar!, a miña ría..!, o seu mar..!,
o Mar Maior, de Corrubedo a Fisterra!;
unha fartura de mar, que alucina a imaxinación
e que a embebeda.
Por ese mar..., ben daría esta montaña,
a ilusión desta veiga, daquel río...
Tódalas montañas xuntas, os mares todos amoreados non pagan o seu mar.
O meu mar..!, desde a nenez, cume,
altar das paisaxes máis intimas.
O home, na súa penosa condición,
imaxínase protagonista,
principio e fin da beleza;
interroga a súa circunstancia
para se atopar, para se acochar nela,
arrolarse nela, apoiarse nela,
para trascendela e trascenderse;
o home, este home é un catador de esencias,
depredador de existencias:
sentílas, gozalas, padecelas, esgotalas,
perpetrar un inútil empeño;
xa que non lle resultan aceptables os límites
do home supostamente libre,
presuntamente á escolla
do seu estar nun mundo onde
El fora ubicado sen previa autorización nin concorrencia.
Este home vive desconcertado,
na disconformidade e na protesta;
emporiso, pula por saír de si,
infeliz, na persecución dunha utópica,
dunha quimérica, imposible plenitude.
Este home, centinela, vixía na ventá,
interrogante lector de paisaxes,
na procura dunha fonte que endaxamais
apaga os seus lumes, as súas sedes ardentes,
arelantes, dunha alma insaciable.
Se cadra, por desgraza ou fortuna,
este home, que é un home calquera,
en todos e cada un de tantos,
probablemente... son EU.
(Rioderradeiro, en Vigo, 2008)
Sem comentários:
Enviar um comentário