quinta-feira, 29 de setembro de 2011

Recalcitra mellor ás palpadelas.



A laranxa outonal verque vencida
Laranxada do deus que balancea
Sobre a tona do mar, pule a marea
E peitea de tul banda invertida.

Da pebida outonal, xorde e dá vida,
E retorna a entallar de igual maneira,
Co mentado funil da sementeira,
Reverdecente o ton, parto e partida.

Inculcada tal vez, ben sementada,
A pebida ancestral vai reservada
Á batalla naval, barco sen velas;

Das entrañas do mar, baixo as estrelas,
Esa espada de luz, xa fermentada,
Recalcitra mellor ás palpadelas.

(Rioderradeiro)


segunda-feira, 26 de setembro de 2011

Nas tres caras á vez para salvarme.



O neno que inda son segue agardando
Outra volta xogar á pitacega;
O xogo da ilusión non se delega
Nunha memoria a treu que ande encirrando.

O xove que agostou vai procurando
Ao xove que quedou trala refrega;
A seiva non morreu, só se reprega
E vai dentro de ti sempre empurrando.

¿Vellouqueiro? -¡Maior! No neno insisto;
Coma mozo que fun, non me resisto
A deixarme levar sen reforzarme:

Neno-xove-¡Maior! Quero centrarme,
Porque gardo razón e porque existo
Nas tres caras á vez para salvarme.

(Rioderradeiro)


domingo, 25 de setembro de 2011

Na fonte maternal do teu cariño.

  
  Non che dixen adeus porque pensaba
que, en pronunciando adeus, xa te perdía;
non te dixen adeus porque quería
perfeccinar en min canto te amaba.

  Non che dixen adeus porque sangraba
a falta corporal que presentía;
non te dixen adeus porque aprendía
que así, no corazón, máis te gardaba.

  Non che dixen adeus porque manteño
seguridade en ti -vella, e tan nova!-,
coma unha bendición no meu camiño.

  Non te dixen adeus porque me ateño
á forza que me dás que se renova
na fonte maternal do teu cariño.

(Rioderradeiro)


sábado, 24 de setembro de 2011

Os camiños de (a)mar, contra natura.


Se te acercas a min, estou perdido
Na claridade azul; porque padezo
De escuridade en sol do teu desprezo,
Por me deixar maior lume prendido.

Se me cegar máis luz, escarnecido,
E a palabra mudar todo enderezo,
Ás palpadas irei, pagado o prezo,
Por sombras de amparar un corpo espido.

Tropezar outra vez, prender cizaña,
Trasplantar na ilusión teas de araña;
Se me alonxar de ti, controvertido,

Se redobrar ardor nova aventura,
Aposto o corazón -co seu contido-
Que saberei gardar -coma é debido-

Os camiños de (a)mar, contra natura.

(Rioderradeiro)


terça-feira, 20 de setembro de 2011

De dar conta de ti ben de contado.

 
  Esta pel de existir calza o teu sino
e rilla solitaria o pan da pena,
esta pel do vivir calza a condena
do calvario na cruz do teu destino.

  Esta dor de existir, fogo intestino,
chacal que te devora e te envelena,
esta dor do vivir carne encrequena
e amedrenta a ilusión con desatino.

  Esta pel de existir, lume atrapado
-carcoma en alacrán-, con tal presteza,
xoga a carta cabal coa cabeza:

  Esta dor do vivir tan desleigado
consome o corazón coa certeza
de dar conta de ti ben de contado.

           (Rioderradeiro)