segunda-feira, 23 de dezembro de 2019

- Desde o Portal, CLANDESTINO..!

Foto de Pepa Sestayo.
(Pepa Sestayo: "Creo que ha sido uno de los cuadros que más me ha costado emocionalmente por la intensidad del tema que trata.")



  É berce, é balsa, é pateira,
cesta de Moisés no río,
este ateigado navío,
no proceloso é peneira,
alfándega de fronteira
que ha fornecer na ribeira,
por capital, fame e frío;
que a pobreza, decotío,
por desprezo, arma fogueira
en corazóns de madeira.

  Apaga, Neno, a xenreira;
reparte o PAN decontino;
proclama a PAZ, palestino;
desterra o PAU da xenreira,
desde o PORTAL, clandestino..!

   (Rioderradeiro) 

terça-feira, 3 de setembro de 2019

.- De corazón, a chorima.

Foto de Fuencis Iborra Perez.
(Fuencis Iborra Perez)


  Amosa pétalo ergueito,
soberbiamente, a roseira;
as rosas nunha silveira
son contumacia a barbeito.

  Debruzando unha quimera,

locen bravías, sen xeito,
na devesa do teu peito
onde unha dama prendera...

  Labarada, e primavera

da nosa máis alta estima,
toxo que reivindicara,
ouro entre espiñas, bordara...

  -Fuencis Iborra agarima-

Mil rosas que ela pintara
con perfección, só alcanzara,
de corazón, a chorima...

(Rioderradeiro)


terça-feira, 13 de agosto de 2019

.- A quen padeza de insomnio.

Foto de Manuel Lago Alvarez.
(Manuel Lago Alvarez: pequeño incidente con la guillotina)


  Pode un honesto artesán
convivir coa guillotina?;
debe afrouxar disciplina
por un carocho de pan?

  Pode un instinto asasino
perseguirlle rastro a un dedo?;
debe a coitela pór medo
á man que perda o seu tino?

  Pode MANOLO arriscar
o corporal patrimonio?;
debe o teclado do harmonio
neste LAGO acreditar?

  Pode coser e cantar?,
debe ÁLVAREZ despertar
ás bruxas...?, a San Antonio?...,
a quen padeza de insomnio?


  Este solteiro segrar
quixo -a dedo!- recortar
o papel do matrimonio
coa barbeira "del demonio"? 


        (Rioderradeiro)

Imaxe relacionada

sexta-feira, 24 de maio de 2019

Desde algures, de bedel.



  Xerardo, feito a cicel,
rocha ruda o seu perfil,
alma agreste de alguacil
intérprete dun papel
de pícaro, pueril.
  
  Xerardo, que gran cartel!,
vigoroso, xuvenil,
entre saias, sen cuartel,
todas a xogar con el
á pitacega..., ao pernil:

  Pertinaz o pirixel, 
rapazadas pola pel,
extinta luz do candil,
palpadelas co viril.

               ***

   Desmontado o seu fusil
-testemuña outro pincel-, 
tralas nubes, de bedel,
Xerardo, vai de civil...

       
          (Rioderradeiro)




segunda-feira, 13 de maio de 2019

que é, nun xardín, regalar.


   Este pétalo enramado
propenso a desenramar,
eis noutro peito encravar
onde revive encarnado,
onde relouca arroubado,
onde reclama o recado
-secreto particular,
a sede aprende a pensar-:
auga invocada a regar
polo canal indicado,
polo contexto apropiado;
pode, galán, regalar
á rosa que ha perfumar
un firmamento privado,
un universo estrelado;
que o tempo sabe contar
-táboa de multiplicar-
polo pelexo ilustrado...

  Que o tempo sabe esperar
polo pelexo encoirado.


        (Rioderradeiro)