segunda-feira, 11 de junho de 2018

De pertinaz singradura.



































(Ruth M. Anderson, anos 20)
   (Ao meu benquerido curmán MANUEL PENA VILAR, in memoriam)



  El, en por si, singular:
enxoito, breve estatura;
en troques, lene bravura;
disímil no similar.

  Resumida a súa andadura,

desde o berce á sepultura,
aplicado a manexar
a agulla de marear
sen compás, sen armadura. 

  Os salseiros, pola amura,

empurrárano a arribar,
cabe dicir despertar!,
rematada a súa aventura.

  O seu vivir, só soñar...,

resistir, multiplicar,
laberíntica aventura,
velas ao vento, a loucura
de quen foi lobo de mar.


  Semente, froita madura,
ti, MANUEL PENA VILAR,
exemplo a reivindicar
de pertinaz singradura. 



   (Rioderradeiro, en Muros, a 10/06/2018)


 (Ruth M. Anderson, anos 20)

segunda-feira, 13 de novembro de 2017

.- Clérigos por ser decentes.

Foto de Jesús García Fernández.
(Foto de Jesús García Fernández)

  Corvo máis corvo, parella,
macho á femia emparellado,
locen o loito ilustrado
da plataforma á pontella;
tal convivencia semella
viren da voda ao sollado.

  Viren da voda ao sollado

e, en posición pertinente,
botar a sesta pendente
sen perpetrar o pecado.

  Sen perpetrar o pecado,

en castidade punxente,
xogando carta prudente,
postergando acto pactado.

  Postergando acto pactado,

prórroga en adolescentes,
mil/anos sen sindicato,
miñatos sen sultanato,
córvidos papel pautado,
clérigos cautos, decentes.

 Clérigos cautos, decentes,

na póla..., polo aparato. 

  (Rioderradeiro)

Foto de Jesús García Fernández.
(Foto de Jesús García Fernández)

quinta-feira, 5 de outubro de 2017

En señardade a moreas.


  Sabor a rosas e a fresas,
retribución da mirada;
se lle faltaren promesas,
a vida non vale nada.

  Tactos, ulidos...; devesas
por conquerir na alancada;
labrar caricias, ás présas,
a flor de pel implicada.

  Bulen devezos viciosos
e galopan polas veas; 
conversa sangue cos ósos
como crebaren cadeas.

  Brincan os soños vizosos
en señardade a moreas.


 (Rioderradeiro)


terça-feira, 11 de julho de 2017

Dono da dedicatoria.

Foto de Xosè Sendòn Caamanho.
(Xosé Sendón Caamaño)

  Esguío, el avanta...; ao peito,
daguerrotipo-espingarda,
o reporteiro non tarda
en disparar con proveito.

  Vemos xa pezas prezadas
no muro dos loureáns; 
son trofeos cotiáns
do seu perfil penduradas.

  Entregando corazón,
sen demandar prata ou gloria,
mete aos veciños na historia
pola porta do salón;

  Xosé "Batuta" ao sermón
engade xaculatoria:
-EU SON DE LOURO, Sendón,
dono da dedicatoria.

  (Rioderradeiro)

Foto de Xosè Sendòn Caamanho.

((Xosé Sendón Caamaño))

segunda-feira, 3 de julho de 2017

.- Pór pechadura á parede.

(Wikipedia)

  Un sedimento indiviso,
un sentimento insumiso,
un socavar insensato,
un subliñar no substrato,
unha causa incandescente,
unha carga inconveniente,
unha teimuda, enfermiza
pena, que non cicatriza.


  Señardade..!, araña, e rede,
fogo inflamado, laídos;
foco incendiario, latidos
do corazón que se enrede;

  pois soidade é fame, é sede,
un senvivir, -sen cumpridos-
nunca saciar os sentidos, 
pór pechadura á parede.


  (Rioderradeiro)


(Wikipedia)