terça-feira, 27 de maio de 2014

Luscofusco..., pavor!: padecemento.

   
  Un corazón que abrolla sen medida,
unha fenda profunda a ceo aberto,
un manancial que é río e que é deserto,
unha estatua de sal trala saída.

  Un axente causal desta ferida,
unha mirada vaga diverxente,
un ente impenetrable indiferente,
unha vestal en mármore esculpida.

  O desamor, iluso namorado,
escarmento da luz en negra cova;
como desangra o sol cando se entoba,
ese teu corazón é desangrado.

  Drama en paixón por falta de alimento;
luscofusco..., pavor!: padecemento.

       (Rioderradeiro)


segunda-feira, 26 de maio de 2014

En mordaza bucal de pervertido.


  
  Pois minte máis que fala, estar calado
sería defraudar a felonía;
se aceptase calar, compensaría
co meu silencio o seu represaliado.

  Pois minte por mentir, vicio iniciado
desde o primeiro alento na porfía;
se aceptase cambiar, despreciaría
ao crápula que leva incorporado.

  Mentireiro maior, algo impoñente,
sapo concho, colmillo de serpente,
se for quen de enmendar un malnacido,

  o hipócrita traidor reconvertido
tornaría o verniz de home decente
en mordaza bucal de pervertido.


     (Rioderradeiro)


sexta-feira, 23 de maio de 2014

¿Xermolará vizoso outro xacinto?


Wikipedia: La Mort de Hyacinthe, 1801, de Jean Broc)


  Estar aquí, de paso, circunscrito,
tirar daquel pretérito perfecto,
soñar, beber de tempo predilecto,
feliz, fugaz, ese instante infinito.

  Mirada atrás, flagrante coma grito,
lostregante fricción por intelecto;
presidio de ilusións para insurrecto,
correa de amansar todo conflito.

  Estar aquí, presente en cada cousa
que aprendes e fai parte do teu mundo;
vivir decote, así, en moribundo,
espada de Damocles sobre lousa.

  Imaxinar... No teu xardín, do extinto,
que ha xermolar vizoso outro xacinto.

  
  (Rioderradeiro)


(Wikipedia.- Blue Hyacinth by Kranchan)

quinta-feira, 22 de maio de 2014

Por debater palabra contra muro.


  Vou metido entre dous interrogantes,
ás apalpadas, polo laberinto;
comigo vés por retorto recinto,
competindo imos dous vociferantes.

  Maldicindo de nós, de contrincantes,
do divino e do humano discutindo;
estamos sós, gritando e repetindo,
monologando á vez, recalcitrantes.

  Sendo Caín Abel, e viceversa,
a cara e maila cruz dunha moeda,
serei talvez a verba que leveda
dentro do nó da gorxa, a máis adversa.

  O laberinto, testalán, é duro,
por debater palabra contra muro.

                                         (Rioderradeiro)

terça-feira, 20 de maio de 2014

Cabe dilucidar causa perdida?

  
  Sucede o sucedido; non esqueces:
atrápate tormento introspectivo
e destapa do fondo dun arquivo
inconfesables traumas que padeces.

  Non te asañes contigo se estremeces
canto acochado tés para non velo;
desliga ese adival de garamelo
asfixiante e perverso tantas veces.
  
  A cada paso do periplo asiste,
de atalaia e fiscal desde a partida,
vingativo censor de alma homicida
que te xulga e condea a vivir triste.

  Vinculante papel? ¿Quen se resiste,
recalcitrante, a ver outra saída?

  Cabe dilucidar causa perdida?
O tempo de mal tempo se reviste.

      (Rioderradeiro)