terça-feira, 4 de outubro de 2011

Quen me dese, meu ben, resucitarte!



  Quen me dese ancorar na nosa casa
-que é peirao, que é lar, e que é tan miña-
para escoitares, nai, canto me pasa,
para arrincar de min tamaña espiña.


  Quen puidese romper esta mordaza,
sandarme, miña nai, favorecido
pola fe que che teño e que me abraza
para endozar na aperta o mal sufrido.


  Na nai, que eu venerei, quero adorarte
-adoración maior, cousa imposible-;
esquecerte, xamais!, meu baluarte.


  É tarefa de amor para alcanzarte
egoísmo filial intransferible:
Penando estou,  Silveira incombustible...


  Quen me dese, meu ben, resucitarte!


            (Rioderradeiro)


segunda-feira, 3 de outubro de 2011

Corrompe o corazón cando o cativa.




(Wikipedia)

Esta estrela fugaz, que é peregrina,
Asalta o corazón cando o estremece
E trastorna o timón, porque parece
O luceiro polar, se te alucina.

Anque nota frugal, non desatina
E prende máis fervor cando florece  
En quen a aposentou, porque apetece,
Por mor da floración, causar ruína.

Esta frecha -que vai- vén arroupada
De relampo mortal, que é cousa viva;
Non revela intención de ser lasciva,

Se mantiver dobrez por ser louvada;
É promiscua, é ruín…; anda en/la(n)zada:
Corrompe o corazón cando o cativa.


A carne de canón enca(n)deada...



(Rioderradeiro)






(Wikipedia)

sábado, 1 de outubro de 2011

As caras que esquecín, reconstruídas.

  
  Tantos amigos son… Costa contalos
e borrar lividez das súas caras.
Como sofre a ilusión cando reparas
no duro que resulta recordalos!

  Tantos amigos son… Costa mentalos,
nomear un por un, e revivilos.
Como sofre a razón por redimilos
e do arcano, do alén, resucitalos.

  Tantos amigos son… Cómpre un gran mago
que rescate da sombra tantas vidas
e anule ou desmemorie o tempo aciago.

  Como lidar con penas recargadas
que no matraz da dor son retorcidas?
Tantos amigos son… Polo meu pago...,

  Camiñando en tropel, e realzadas,
as caras que esquecín, reconstruídas.

          (Rioderradeiro)



quinta-feira, 29 de setembro de 2011

Recalcitra mellor ás palpadelas.



A laranxa outonal verque vencida
Laranxada do deus que balancea
Sobre a tona do mar, pule a marea
E peitea de tul banda invertida.

Da pebida outonal, xorde e dá vida,
E retorna a entallar de igual maneira,
Co mentado funil da sementeira,
Reverdecente o ton, parto e partida.

Inculcada tal vez, ben sementada,
A pebida ancestral vai reservada
Á batalla naval, barco sen velas;

Das entrañas do mar, baixo as estrelas,
Esa espada de luz, xa fermentada,
Recalcitra mellor ás palpadelas.

(Rioderradeiro)


segunda-feira, 26 de setembro de 2011

Nas tres caras á vez para salvarme.



O neno que inda son segue agardando
Outra volta xogar á pitacega;
O xogo da ilusión non se delega
Nunha memoria a treu que ande encirrando.

O xove que agostou vai procurando
Ao xove que quedou trala refrega;
A seiva non morreu, só se reprega
E vai dentro de ti sempre empurrando.

¿Vellouqueiro? -¡Maior! No neno insisto;
Coma mozo que fun, non me resisto
A deixarme levar sen reforzarme:

Neno-xove-¡Maior! Quero centrarme,
Porque gardo razón e porque existo
Nas tres caras á vez para salvarme.

(Rioderradeiro)