segunda-feira, 6 de setembro de 2010

en cada flor os pétalos regalan




Costa tanto tornar polos teus brazos
Que o sangue conxelou na indiferencia;
Se en fría carne non arraiga a esencia,
Imposible volver polos abrazos.

Costa tanto quentar os vellos azos;
Das cinzas consumadas na fogueira
Endexamais xermola sementeira;
¡Como resucitar no teu regazo!

Pois pura dor é pura fantasía,
Pois puro amor é fráxil flor dun día,
A dor, a dor só co querer se apaga.

En cada flor os pétalos regalan
A libación dunha contrapartida:
Sempre o amor con máis amor se ampara.

(Rioderradeiro)


sábado, 4 de setembro de 2010

A gaivota garante peste e lío.



Algareira, arrogante ao lagarteiro,
A gaivota vixía o panorama;
A gaivota practica a fe profana
De converter o mundo nun lameiro.

Abandeira a gaivota ao mesmo clero,
Ela acaudilla o pacto na atalaia,
Ela acubilla o lance e maila malla
Para engulir no cope máis ficheiro.

Non renuncia a “chorona” ao señorío,
Non abandoa o cargo no peirao,
Afervoa o febril gaivoteirío,

Garrapatea, empurra o arrepío,
Por confluír fervor con refugallo;
A gaivota garante peste e lío

Por se abonar á bicolor no pao.

(Rioderradeiro)


sexta-feira, 3 de setembro de 2010

Como camiña o merlo na silveira.

Sempre hei de andar pola luz acochado,
Hei de apostar e xogar escondido,
Hei de aprender do perder renacido,
E non darei por perdido o probado.

Sempre hei de andar pola luz amparado;
Hei de apurar, degustar devecido;
Hei de gastar, devorar o debido;
Devolverei canto me for doado.

Comprobarei na rosa aquel recendo;
A roseira pon flor a par da espiña
E aprisiona a mirada verdadeira;

Ensoñación, que a vida vai correndo,
Aventureira a man franca camiña,
Como camiña o merlo na silveira.

(Rioderradeiro)



File:Turdus merula -garden wall-8.jpg

quinta-feira, 2 de setembro de 2010

A dor de contrición que lle reclama.


  O temporal dos anos monta en ira,
peta de anoitecida, bandoleiro;
embiste, empurra, vén guerreiro;
o vendaval, en profusión, conspira.

  Navega o temporal, bravo, enfociña
nas ondas, proceloso, lareteiro;
nas costas, perigoso, lagarteiro,
asoballa, desfai cando camiña.

  Pegada fonda, empoza, acampa en breve;
buliga na ribeira a vella trama;
pasado do futuro nunca bebe
a fe de repousar nunha proclama:

  Pretérito ao futuro non lle debe
a dor de contrición que lle reclama.

                   (Rioderradeiro)

quarta-feira, 1 de setembro de 2010

.Cos seus dez dedos..., arrasa.



  Albisca o corvo a brancura
na gaivota sideral;
na harmonía universal,
a curuxa arrola á rula.

  Anxos sementan fartura
na floresta intestinal;
na escura cova infernal,
lucifer, malaventura.

  Ás portas de Portosín,
por renegar do latín,
aprende o polbo na brasa;

  O corvo, a gaivota rasa
convidan con calcetín
á palilleira: festín!

  Cos seus dez dedos..., arrasa.

                     (Rioderradeiro)