O temporal dos anos monta en ira,
peta de anoitecida, bandoleiro;
embiste, empurra, vén guerreiro;
o vendaval, en profusión, conspira.
Navega o temporal, bravo, enfociña
nas ondas, proceloso, lareteiro;
nas costas, perigoso, lagarteiro,
asoballa, desfai cando camiña.
Pegada fonda, empoza, acampa en breve;
buliga na ribeira a vella trama;
pasado do futuro nunca bebe
a fe de repousar nunha proclama:
Pretérito ao futuro non lle debe
a dor de contrición que lle reclama.
(Rioderradeiro)
Sem comentários:
Enviar um comentário