sexta-feira, 3 de setembro de 2010

Como camiña o merlo na silveira.

Sempre hei de andar pola luz acochado,
Hei de apostar e xogar escondido,
Hei de aprender do perder renacido,
E non darei por perdido o probado.

Sempre hei de andar pola luz amparado;
Hei de apurar, degustar devecido;
Hei de gastar, devorar o debido;
Devolverei canto me for doado.

Comprobarei na rosa aquel recendo;
A roseira pon flor a par da espiña
E aprisiona a mirada verdadeira;

Ensoñación, que a vida vai correndo,
Aventureira a man franca camiña,
Como camiña o merlo na silveira.

(Rioderradeiro)



File:Turdus merula -garden wall-8.jpg

quinta-feira, 2 de setembro de 2010

A dor de contrición que lle reclama.


  O temporal dos anos monta en ira,
peta de anoitecida, bandoleiro;
embiste, empurra, vén guerreiro;
o vendaval, en profusión, conspira.

  Navega o temporal, bravo, enfociña
nas ondas, proceloso, lareteiro;
nas costas, perigoso, lagarteiro,
asoballa, desfai cando camiña.

  Pegada fonda, empoza, acampa en breve;
buliga na ribeira a vella trama;
pasado do futuro nunca bebe
a fe de repousar nunha proclama:

  Pretérito ao futuro non lle debe
a dor de contrición que lle reclama.

                   (Rioderradeiro)

quarta-feira, 1 de setembro de 2010

.Cos seus dez dedos..., arrasa.



  Albisca o corvo a brancura
na gaivota sideral;
na harmonía universal,
a curuxa arrola á rula.

  Anxos sementan fartura
na floresta intestinal;
na escura cova infernal,
lucifer, malaventura.

  Ás portas de Portosín,
por renegar do latín,
aprende o polbo na brasa;

  O corvo, a gaivota rasa
convidan con calcetín
á palilleira: festín!

  Cos seus dez dedos..., arrasa.

                     (Rioderradeiro)

terça-feira, 31 de agosto de 2010

Ás apalpadas polo meu camiño.


  Tecendo estou no río que o celebra,
co tecelá das augas vou labrando,
tecendo estou na vida, mergullando
a pel que muda e deixa unha culebra.

  Co tecelá do río, en cantarela,
un aturuxo afío decontado,
que un alalá de tempo retardado
publica e fotocopia, sentinela.

  Canto máis forte cando fala o viño,
falo no viño cando esquezo o norte,
esquezo o norte porque estou soíño,

  Sen un triste compás, sen pasaporte,
a debater co tiburón consorte,
ás apalpadas polo meu camiño.

       (Rioderradeiro)


segunda-feira, 30 de agosto de 2010

como afianza un bo polbo


Por gardar a propiedade,
Un home probo e valente
Dá mil pancadas na xente
Con graza santificante.

Bendito portaestandarte,
Redentor dos alicerces,
Salvador dos intereses,
Colector da honestidade.

A man de ferro enfundada
En luva de fino coiro,
Nas costas da humanidade,

Afianza, con degoiro,
A fe do trigo na malla,
Como afianza un bo polbo

No feiral da santidade.

(Rioderradeiro)

File:Polbo pulpo galicia.jpg

Archivo:Gloves1.jpg