terça-feira, 4 de novembro de 2008

- HOXE, EN BELÉN !

Resultado de imaxes para xirín común
(Wikipedia)



  Di o xirín da campía
que el xa cantara
esa cantiga nova
na madrugada:


  -Vinde adorar ao Neno,
o noso ben,
ánxeles e pastores,
hoxe, en Belén.

 O noso ben,
hoxe, en Belén!


  -Ide buscar a estrela,
traela axiña
e, en chegando ao portal,
pousala enriba.

  O noso ben,
hoxe, en Belén!


  -Que o agasallen con ouro,
incenso e mirra
os tres Magos de Oriente.
Ave María!

  O noso ben,
hoxe, en Belén!


  E outro paxaro pide
que lle regalen
o seu recendo as flores
para os pañales:

  O noso ben,
hoxe, en Belén!


-Uns pañaliños quentes
cos aloumiños
e a devoción dos anxos,
e os seus biquiños.

  O noso ben
hoxe, en Belén!


  Cos aloumiños
dos seus biquiños.
Arroládemo ben...

  O noso ben,
hoxe, en Belén!

 (Rioderradeiro)

Resultado de imaxes para xirín común
(Wikipedia)

CHAMARASE XESÚS





CHAMARASE XESÚS
____________________


Xosé coida do Neno,
María lava,
O boi e máila mula
Quéntanlle as pallas.

Cando os pastores cheguen
Cos agasallos,
Hanlle canta-los anxos
Pra despertalo.

Ó desperta-lo Neno,
Faise un silencio:
Caen axeonllados
Ante o misterio.

TODOS A BELÉN!


(Mosaico de San Apolinar Nuovo, en Rávena, Italia).


  - Vai, anxeliño, a Belén
onda María e Xosé!

  Os anxos baixan do ceo
por unha escada escondida,
un doce cantar no bico,
arrolar dunha cantiga.

  - Neno de Belén,
rosa, roseira, ronsel!



  - Vai, pastorciño, a Belén,
onda María e Xosé!

  Un pastor, por mor dun año,
leva unha rosa prendida
que, ao quentor do peito mozo,
devén roseira cumprida.

  - Neno de Belén,
rosa, roseira , ronsel!



  - Ou, Magos, ide a Belén
onda María e Xosé!

  Os Magos, na cabalgada,
após a estrela que brilla,
por un ronsel de recendos
para os camelos seguila.

  - Neno de Belén,
rosa, roseira, ronsel!



  - Ala, todos a Belén
onda María e Xosé!

  Os pastores cos seus años;
os anxos coa súa cantiga;
os Magos cos seus camelos,
e, tras deles, nós, axiña!

  - Neno de Belén,
rosa, roseira, ronsel!


 
      (Rioderradeiro)


(Adoración dos Magos, por El Greco, 1568)

QUEN ME DESE..!

Resultado de imagen de telar de van gogh
(Van Gogh, Wikipedia)

  Quen me dese ser o berce..!
Ao abeiro do Portal,
no recuncho de Belén,
quero ser quen de o arroupar.

  - Ai, amor!,
cando agrome a flor.


  Quen me dese ser patucos..!
Patucos feitos á man,
feitos co mellor tecido
da industria do tecelá.

  - Ai, amor!,
cando agrome a flor.


  Quen me dese ser un anxo...!
E a graza do seu cantar
amosarlla en mil arrulos
a aquel que eu quero arrolar.

  - Ai, amor!,
cando agrome a flor.


  Quen me dese, quen me dese..!
For eu ( anxo e mago á par)
pastor de tantas ovellas
como El pode acariñar.

  - Ai, amor!,
cando medre a flor.


   ( Rioderradeiro, Vigo, 28-11-05)

Resultado de imagen de van gogh obras
(Van Gogh, Wikipedia) 

GAITA GRILEIRA



Foto de Grupo vocal Solo Voces.


  No monte todo son risas,

o sol a xogar coa estrela.
Alborexa pola bouza
ao son da gaita grileira.

  - Toca, gaitiña, pro neno
esa cantiga tan leda!


  Polo ronsel baixan anxos,
e serafíns, ás carreiras.
O son da gaita é tan doce,
porque tocan muiñeiras.

  - Toca, gaitiña, pro neno
Esa cantiga tan leda!


  Muiñeiras …de Chantada,
de Chantada…e Pontevedra,
e os anxos sábenas todas
e báilanas cando rezan.

  - Toca, gaitiña, pro neno
esa cantiga tan leda!


  Alborexa pola bouza
ao son da gaita grileira.
O son da gaita é tan doce,
porque tocan muiñeiras.
E os anxos sábenas todas
e báilanas cando rezan.

  - Toca, gaitiña, pro neno
esa cantiga tan leda!


    Gaita grileira..!


      (Rioderradeiro)