terça-feira, 4 de novembro de 2008

No bico de Monte Louro



  No bico de Monte Louro
plantei o meu corazón,
bandeira a frotar no vento,
mastro senlleiro, maior,
dun grande barco de vela
ancorado no solpor.


  Polo sur vén Corrubedo;
a par da proa, O Neixón...,
A Roda, O Facho e A Insua
mantéñense en comunión
co meu navío sagrado,
(onde mora a devoción
dos ancestros parroquianos,
loureanos de nación),
envexa de riatelos
e gareteiros do Son.


  Cando emprenda a travesía,
cando endereite o timón
rumbo ós dourados infindos,
-Pazos de dormir o Sol-,
para navegar tranquilo,
quero, por tripulación,
uns mariñeiros veciños,
cofrades do Caldeirón,
expertos, nos Tres Saltiños,
practicantes da inmersíón,
nadar na casca da auga,
de “resolgo” e a pulmón...,


  Desde o limpo ata o escuro,
facendo esa exhibición
con testemuñas expertas
nas Artes da Natación,
en pórse cu para riba,
-en bolas, sen bañador-,
amosando esa gaitiña,
vermiño triste e sen voz,
por mor de estar enrugada
do salitre e o arneirón,
pouca boroa na casa,
e de carne, nin ración...


  Quero, pois, xente probada
no sufrimento peor;
que navegar polo infindo
no che é unha broma, non!


  Rompe amarras, Monte Louro,
adiante, e a polo Sol,
antes de que o roube a noite,
co seu bocado traidor,
pra nos deixar desnortados
ao pairo do perdedor!


 No bico de Monte Louro
plantei o meu corazón...
.........................................


(Rioderradeiro)


PARA A PALABRA

PARA A PALABRA
______________________


Pido a inmortalidade
A quen lla poida dar...

Proclámoa a voz en grito,
E que a xente, ao pasar,
Lle preste alas aos versos
Coas ansias de voar
Das ventureiras pombas,
De piñeiro en piñeiro,
Por todo o piñeiral…

Pido para a palabra
Un futuro inmortal:
Deveña ela sagrada;
Sagrado, o pedestal
Dos niños das mil fragas
Das inmorrentes pombas
De inmorrente pombal.

(18-4-06)

¿QUEN TE QUECERÁ, MENIÑO?

¿QUEN TE QUECERÁ, MENIÑO?
____________________________


Se o Neno Xesús nacese,
Decembro, na madrugada,
Dádelle albricias ó vento,
Pregoeiro a pregoalas...
Se o Neno Xesús nacese...


-¡Meu coitado, meu meniño!,
¿quen te quecerá nas pallas?



Se o vento dá a Boa Nova
E os pastores a escoitaran,
Se os Magos, cos seus presentes,
O adoran e o agasallan...
Se o Neno Xesús nacese...


-¡Meu coitado, meu meniño!,
¿quen te quecerá nas pallas?


Se o Neno Xesús nacese,
Folerpa de neve, branca,
Branca sobre branco berce
E sobre o brancor, xeada...
Se o Neno Xesús nacese...


-¡Meu coitado, meu meniño!,
¿quen te quecerá nas pallas?



Se a folerpiña de neve
Devén divina ó pousala,
Transmutada no Meniño,
Se os anxos cantan e o gardan...
Se o Neno Xesús nacese...


-¡Meu coitado, meu meniño!,
¿quen te quecerá nas pallas?



¿Anxos, Pastores e Magos,
Eles saberán quentalo?


-¡A mula e o boi, co alento..!
¡Co voso alento enmeigado!

1-01-05

TODAS QUEDAN BORRADAS

TODAS QUEDAN BORRADAS
_________________________


...E quedan esmorecidas
As palabras:
Novas vellas folerpas de sangue,
E en sangue
Desmaiadas...

E quedan maimiños os suspiros das penas,
E as bágoas.
¡Ai, as bágoas!
Todo torna estantío..., todas quedan...
Borradas.

Cadra morrer un día,
Comenzo, medio ou fin
De calquera semana,
No mes primeiro ou último,
Naquela hora mala.

Se estás canso ou con folgos,
Se na furia ou en calma...,
Cando a morte reclama,
¡Que importa a circunstancia!,
Pra morrer sempre hai causa.

...E quedan esmorecidas
As palabras:
Todo torna estantío..., todas quedan...
Varadas e borradas...
¡As bágoas!

¿… E as palabras ?
¡Ai, as palabras!
¿Quen acolle as palabras?

QUERO FACERLLE O BERCE.


Relevo na igrexa de Santa María de Bemil (Caldas de Reis),.Wikipedia.

• Quero facerlle o berce,
pau de sanguiño,
para que durma ao quente
o meu meniño.

- O meu meniño!


• Pau de sanguiño,
pólas de avelaneira,
a carón do lumeiro
que os anxos alumean...

- Ao meu meniño!


• Para que durma ao quente,
prendede outra larada
coas follas de loureiro
e as xestas da estivada...

- Ao meu meniño!


• O meu meniño dorme,
tan ben quentiño,
arrolado por anxos
e un asubío.

- O meu meniño!

(Rioderradeiro)