quinta-feira, 11 de junho de 2015

Na eternidade, amor, máis relixiosa.



  Co corazón escribo. É cousa dura.
É dura de pelar a despedida.
É dura de tapar ampla abertura,
que abrolla torrencial esta ferida.

  Co corazón esculpo unha escultura,

esencia dunha estampa inmaculada;
dorido divagar, que desventura
manterte na memoria... imaxinada!

  Albíscote, no Edén, xa no regazo

onde te acolleu Deus como é debido;
por iso o teu ladrar foi promovido
coma expresión de fe de fondo trazo.

  SÚA, fiel e formal, pura, gloriosa,

na eternidade, amor, máis relixiosa.

        (Rioderradeiro)


terça-feira, 9 de junho de 2015

Romance dun calcetín.

CxG no pactará con el PP en Muros y pone condiciones a los socialista.
La renuncia de Caridad González es algo innegociable para Compromiso. (http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/)
  



















  Fanfarria, farsa inconfesa;
o rollo que nos enrolla
no ten máis volta de folla
que destapar a sorpresa.

  ¿Pecha Cancelas a artesa
de Muros como lle antolla?;
¿promove o demo outra escolla
de dirimir alcaldesa?

   Teatro enriba da mesa;
a do sofá nin se molla.
Dinos, don Juan, ¿a abadesa
que coida a vista é birolla?

  Puro esperpento, sandeces
en lances de folletín;
cambio de garda en fortín,
como pasou tantas veces.

  Como pasou tantas veces,
romance dun calcetín...

  (Rioderradeiro)


terça-feira, 2 de junho de 2015

Polo prezo, despreza a fermosura.


  Vinde render tributo á linda rosa
que en maio debruzou sobre a silveira;
ningún lugar mellor que unha camposa
para manterse a salvo na roseira.

  Mirádea medrar, como se expresa,
como o botón devén bico da póla,
como, á maduración, murcha de présa,
como perde poder, como se inmola.

  O efémero do aroma é quen te alcanza,
a forza do recendo é quen te inspira,
a corola sedenta de esperanza,
o mato onde ela esperta, onde ela expira...

  A derrota da rosa da frescura,
polo prezo, despreza a fermosura.

  
  (Rioderradeiro)



sábado, 30 de maio de 2015

Marcelo, tan real, tan arroupado.

















(A Marcelino García Lariño -Marcelo da Rabela-,
IN MEMORIAM).
_________________________________________


  Partes, hoxe, de aquí; levas, amigo,
historias que contar da vila, en verso;
a Parca te convoca...; ese reverso
de ancestros, celestial, cumpre contigo.

  Historias que contar... Finou a espera
dos veciños do alén para escoitarte;
todo vai devagar nesoutra parte
perpetua onde o vivir non desespera.


  Andas de recepción, atarefado
compondo e perfilando unha espinela;
á escoita está San Pedro, interesado
nunha versón facsímile a capela.

  Ti sempre muradán, tan da Rabela,
Marcelo, tan real, tan arroupado.


(Rioderradeiro)

sábado, 2 de maio de 2015

As rendas da alternativa.



  Beben do zume da terra
azos de sabedoría;
por canto o Bloque se aferra
e apunta á soberanía.

  Queren arrincar da pedra
do Muros de cantería
tódolos vicios da hedra,
rampante calcomanía.

   Herdades, hoxe, o ronsel
da estrela que, sen cuartel,
fai branquiazul combativa. 

  Abandeirade o cartel,
mozas e mozos, corcel
da nosa esperanza altiva.

  Confiámosche, Manuel,
as rendas da alternativa.


           (Rioderradeiro)