domingo, 3 de junho de 2012

Como inculpado ao nacer.



   Co tizón da ferradura,
tomando temperatura.

             

               * *             

          

  Por portar na faldriqueira

un grande enigma escondido,

carguei fardel ben cumprido,

cavilante: por que eu era

para min descoñecido?

 

  Por bipolar, inimigo:

non son quen de me entender;

se cadra, poida aprender

a reconciliar comigo

no instante de perecer...,


  nese intre de comprender

que é prezo de ter vivido,

que é cobro por ter bebido

na alfándega do nacer...


  a sede que é padecer

vir, desde o berce, vencido.


             *   *  *

 Co tizón da ferradura,
tomando temperatura.




               (Rioderradeiro)



sábado, 2 de junho de 2012

Quen empurra o puñal pule argumentos.


Soldado con un puñal
(Wikipedia)

  Palabra atrabiliaria ha maltratarte
e acoitelar no peito e mais na mente;
a sevicia confía cegamente
na punta do puñal que ha de matarte.

  A punta do puñal que ha derramarte
con pérfida pericia, impunemente,
recolle da roseira en ascendente,
gota a gota, o sangrar que ha derribarte.

  Palabra tan mortal como invencible
-Damocles sabe de resentimentos-
apura puñalada irreprimible;

  Acaso a lei do alén irreductible,
sen atender razóns nin esperpentos,
acuñe en eco mol por irredentos;

  Quen empurra o puñal pule argumentos.


           (Rioderradeiro)


La espada de Damocles
(Wikipedia)

terça-feira, 29 de maio de 2012

Brindarlle o corazón á túa espada…


  Pensar en ti, tecer na mente un lazo,
ler no teu corpo o meu cando abrazaras,
abandeirar máis sol cando abrasaras,
nas cinsas refulxir coma en regazo.

  Vivir en ti, carimbo en recto trazo
dunha frecha sutil que alimentaras,
zugar caudal do mel que derramaras
no ardente frenesí do teu frechazo.

  Abrirme a ti comprace á primavera,
xunguirme en ti, cortarlle ao tempo espera:
estremecer lumeiro en labarada;

  Salvarme en ti, xurdir porque quixera,
xogando a fondo o fado pola fada,
renderlle o corazón á túa espada…

  Por lle decapitar o mal á fera.

                      (Rioderradeiro)



quinta-feira, 24 de maio de 2012

De almirante, o timón do teu navío.


  
  Así foxe das mans, moi manseliña,
esta ilusión que di ser doce dama
que sementa amencer e que derrama
retallos de candor cando acariña.

  Desilusión constante e sibilina
dicta, para o teu mal, outro programa,
fite en fite, frontal, fíre, difama,
esfarela fulgor, pon fin, fulmina.

  Se nas alas do tempo, ai!, retornases
para envolver na canle o mesmo río,
ben puideses borrar por labradío

  Engurras que na pel non reparases,
e na carne inmortal recuperases,
de almirante, o timón do teu navío.


                         (Rioderradeiro)



quarta-feira, 23 de maio de 2012

Do manancial da muiñeira.

(Rioderradeiro)

(Wikipedia)

  Pendurade aires tristeiros,
labregos e mariñeiros,
xentes da terra e do mar,
relevade aos devanceiros,
Galiza rompa a cantar,
degoire en gaita grileira,
grave danza tecedeira,
labre a perna o seu tecer,
libe doncela ao beber
do manancial da muiñeira.

  Do manancial da muiñeira,
de ruada na ribeira,
as parellas a compás,
aturuxos, alalás...


  Repenique de campás:

Romaría mariñeira.


         (Rioderradiro)

(Rioderradeiro)
(Wikipedia)