terça-feira, 13 de dezembro de 2011

- Fogo, farol..., de cintura!

 

  Respalda azul tal testigo
da escuma de barlovento;
tourea, entolece alento
de sotavento inimigo.

  Pois pendura sufrimento
da pel que garda castigo,
non gasta, engade perigo:
borda a revolta do vento.

  Fica no Faro afincado
refulxente ata a bravura,
dá máis fervenza á brancura,

  Propaga ardor, abraiado;
pon Neixón!, ponte abeirado,
que Carreiro algo procura:

  -Fogo!, farol..!, de cintura.


(Rioderradeiro)


sexta-feira, 9 de dezembro de 2011

De "atrezzo", teatral pola (im)postura.



Envilecer amor é ben doado,
É competir co azar á pitacega,
É corromper a fe fronte á refrega
Con  fume dun fogón mal apagado.

Envilecer amor, campo sagrado,
É coma escarnecer seitura en sega,
É segregar máis dor que se reprega
En ferida interior con desangrado.

Envilecer amor é desmesura,
Escarnio, vilipendio, e desventura
Que infesta, fanfarrón, tea de araña;

Envilecer amor é máis maraña
A confundir fracaso con fractura
Dun corazón tamaño en mala entraña,

De "atrezzo", teatral pola (im)postura.

(Rioderradeiro)


quarta-feira, 7 de dezembro de 2011

Selecta, con cana en cala.


Patacas, prebe en pemento,
E probando o pensamento....


De vella dinlle cabala,
Rincha máis cando é pequena,
Danza xarda azul, empena
Colleita con cana en cala.


Trabada a traición embala,
Destra en sinistra encrequena,
Na pel do mar ten condena,
Con brinca en tanza recala.

Tralo corricán, en bala,
Aborda o peirao, acena;
Logo, o pescador serena
A gula que augura en gala.


De vella dinlle cabala,
Rincha máis cando é pequena,
Danza xarda azul, empena
Colleita con cana en cala.



Patacas, prebe en pemento,
E probando o pensamento....


(Rioderradeiro)


sexta-feira, 25 de novembro de 2011

Vida inmortal das frechas de Cupido.


Se por vencer a morte recordase
A faz feliz do ben máis desexado,
Só por te pretender eu despertase,
Fundamentado en ti, máis renovado.

Se por ventura a rota rematase,
Por camiños de fe reconducido,
Refén de redención que me acompase,
Escravo ficarei máis redimido.

Por que transcenda en nós tanta riqueza,
Rebente o corazón entenrecido,
Desborde eternamente florecido

De sangue afervoado en fortaleza;
Posúe aquel ardor que arma beleza
Vida inmortal das frechas de Cupido.

(Rioderradeiro)



quarta-feira, 23 de novembro de 2011

dá tristeza criminal.



Non debería a postal
beber da cova ardentía,
que a vileza onde avalía
dá tristeza natural.


Quixo esta dor criminal
gozar da triste alegría;
máis tristeza compartía
co pecado orixinal.

Para ben e para mal, 
cravar un cravo na rumba
e implantarlle a voz da tumba
ao corazón como aval.



Non debería a postal
beber da cova ardentía,
que a vileza onde avalía
dá tristeza criminal.


(Rioderradeiro)


(Rioderradeiro)