terça-feira, 15 de fevereiro de 2011

Sempre por navegar, nauta senlleiro...


  Por que este azul do azul toma o pigmento?
Por que do azul agroma tal mirada?
Por que te amosa Deus a faz calmada
revestida de azul na pel do vento?

  Por que o pincel acada a barlovento
a mala cor da nube asolagada?
Por que no azul a vela revelada
desborda pola eslora a sotavento?

  No vento azul a dorna é virtuosa,
co vento azul a vela vai ditosa,
no vento azul o mastro ergue mareiro

  -Desterrade aquilóns da garimosa!-
sobre a tona das ondas, ventureiro,
por sempre navegar, nauta senlleiro,

  Co celestial azul de pel mimosa.


(Rioderradeiro)

domingo, 13 de fevereiro de 2011

De novo xermolar en vella estrela.


  Mergulla o sol. O serán solta a brida
dos vagalumes e das belas fadas;
alampa o sol paixóns atoleiradas
que destronan do ceo á noite espida.

  Mergulla o sol. Aprázase a partida
contra tahúr de carta remarcada;
apostatar decote importa á espada
cando empurra na pel máis pervertida.

  Mergulla o sol. Un anxo prende a vela
de embarullar ruletas do casino,
pois barallarlle ao naipe a cara bela

  É  na timba apostar como adiviño
outro prazo maior cara ao destino.
Mergulla o sol. No mar, por centinela,

  De novo xermolar en vella estrela.


(Rioderradeiro)




quinta-feira, 10 de fevereiro de 2011

Apouvigarme a pena tan prendida

  Falto de ti, o tempo disconforme
prende na pel, xa lume xusticieiro,
arrasa co ronsel do meu luceiro,
confronta o fun co son no falso informe.


  Falto de ti, xa non hai quen conforme
a fenda que afondou o verdadeiro
verdugo do meu soño mentireiro
mendigo do teu colo multiforme.


  Onde estás, miña nai, que non te vexo,
para reconfortar o meu desexo
de coroar vellez sen despedida?


  Falto de ti, sen lar, váiseme a vida
no ensalmo que me sande esta ferida
da alma, MIÑA NAI, meu sortilexio!,


Apouvigarme a pena tan prendida...


(Rioderradeiro)



sábado, 5 de fevereiro de 2011

-¡Hai rosas de alcanfor tan ben plantadas..!

Porque o diamante apreza á primorosa
Saiva que abrolla a canle presumida,
Relampos da roseira reprimida,
Porque é de lei, pola sazón, rumbosa...

Porque é de lei, pola paixón, preciosa,
A frecha da mirada redimida
Apreixa luxuriante esa pebida
Que vai de seu na libazón da rosa...

A rosa-devoción tan perfilada,
No canto do pracer tan preferido,
Copia nota sagaz do deus Cupido

Á escala universal ben sinalada.
Convoco á floración por pinceladas
Con boca de diamante encanecido:

-¡Hai rosas de alcanfor tan consumadas
Neste meu corazón tan consumido!

(Rioderradeiro)





sábado, 8 de janeiro de 2011

Por tempo intemporal, pola promesa.


  

  Se lle refugo ao gato o seu furado,
se lle cativo a vocación á hedra,
se lle confisco a longa pena á pedra,
se lle retiro a rella ao meu arado...

  Se me retrata o drama no entramado,
se me revira a forma cando medra,
se me rebenta o fondo cando empedra,
se me retracto do vivir soñado...

  Debruza aldraxe a miña carne acesa
fraco caudal salobre na represa
por canles de secaño derramando.

  No pulo o meu pelexo arde penando;
borralla son de eterno procurando,
por tempo intemporal, pola promesa.

  En rede, corazón: malla..., e devesa.


        (Rioderradeiro)