quinta-feira, 10 de fevereiro de 2011

Apouvigarme a pena tan prendida

  Falto de ti, o tempo disconforme
prende na pel, xa lume xusticieiro,
arrasa co ronsel do meu luceiro,
confronta o fun co son no falso informe.


  Falto de ti, xa non hai quen conforme
a fenda que afondou o verdadeiro
verdugo do meu soño mentireiro
mendigo do teu colo multiforme.


  Onde estás, miña nai, que non te vexo,
para reconfortar o meu desexo
de coroar vellez sen despedida?


  Falto de ti, sen lar, váiseme a vida
no ensalmo que me sande esta ferida
da alma, MIÑA NAI, meu sortilexio!,


Apouvigarme a pena tan prendida...


(Rioderradeiro)



sábado, 5 de fevereiro de 2011

-¡Hai rosas de alcanfor tan ben plantadas..!

Porque o diamante apreza á primorosa
Saiva que abrolla a canle presumida,
Relampos da roseira reprimida,
Porque é de lei, pola sazón, rumbosa...

Porque é de lei, pola paixón, preciosa,
A frecha da mirada redimida
Apreixa luxuriante esa pebida
Que vai de seu na libazón da rosa...

A rosa-devoción tan perfilada,
No canto do pracer tan preferido,
Copia nota sagaz do deus Cupido

Á escala universal ben sinalada.
Convoco á floración por pinceladas
Con boca de diamante encanecido:

-¡Hai rosas de alcanfor tan consumadas
Neste meu corazón tan consumido!

(Rioderradeiro)





sábado, 8 de janeiro de 2011

Por tempo intemporal, pola promesa.


  

  Se lle refugo ao gato o seu furado,
se lle cativo a vocación á hedra,
se lle confisco a longa pena á pedra,
se lle retiro a rella ao meu arado...

  Se me retrata o drama no entramado,
se me revira a forma cando medra,
se me rebenta o fondo cando empedra,
se me retracto do vivir soñado...

  Debruza aldraxe a miña carne acesa
fraco caudal salobre na represa
por canles de secaño derramando.

  No pulo o meu pelexo arde penando;
borralla son de eterno procurando,
por tempo intemporal, pola promesa.

  En rede, corazón: malla..., e devesa.


        (Rioderradeiro)


domingo, 26 de dezembro de 2010

Nun corazón que adorna os apelidos.


  Queda a mañán de sol embarazada
de alento dun verán tan farturento,
de tarde e de serán contentamento,
e de noite xestante de alborada.

  Queda na albura a dorna tan preñada
deste ventiño morno, ese alimento
que é semente de fol e fundamento
de veliña gaiteira aventurada.

  Ai da abella do sol, a treu, libando
as notas de color e de quentura!
Ai da tilla e temón, da arboradura!

  Os designios da luz, tan preferidos,
que o vento de solpor foi pór fiando,
"Lizgaira", "Avelaíña", deslizando...

  pola tona do mar, polos sentidos,
nun corazón que adorna os apelidos.

(Rioderradeiro)

terça-feira, 21 de dezembro de 2010

Entre as ascuas arder canto fabulo.


Toro, farta a fogueira, aflora a rima;
Tordo, sobre a figueira sobrancea;
Touro, torna ao touril, turra, tentea;
Toxo, torques no trazo que agarima.

Trazo que espido abrazo torna estigma,
Toro que no lumeiro xa serpea,
Tordo que da figueira afína a escea,
Toxo que atrapa ao touro en paradigma.

¡Árdelle o eixo ao toro que chispea!;
Collo da man ao tordo e mais ao mulo;
Tomo solfeo ao touro en compañía;

Requiro prá concerto rula e rulo.
Toxeiras orquestais bordan capea;
Toureos de salón trobo a porfía:

Entre as ascuas arder canto fabulo. 

(Rioderradeiro)