segunda-feira, 25 de outubro de 2010

Sempre, vermella ou murcha, a rosa gaña.


  A rosa, que escintila, entorna a saia,
demuda a tez de cando foi doncela,
e cambia, e murcha aquela cara bela
coa palidez do tul cando desmaia.

  Canto aquel amencer que tanto asombra;
canto comparecer, tanta mudanza;
canto o seu demudar, tanta esperanza;
canto ese encrequenar, tatuando alfombra.

  Atesoura a corola unha ferida
na rosa de algodón cando engalana
de peregrina luz que vai vencida;

  Á rosa en velatorio consumida,
ás portas do solpor que se empantana,
ofrécelle o serán campa cumprida...

  Na roseira do mar, que é soberana
dun novo alborexar en nova vida:
sempre, vermella ou murcha, a rosa gana.

        (Rioderradeiro)


sexta-feira, 22 de outubro de 2010

Con meu pai, miña nai: Santa Compaña!



 Por me alcanzares, pai, chamas ben duro:
por me dicir mellor canto me importa,
petas polo aldabón da miña porta,
sen as trabas mortais,  falas seguro.


 Por me arroupares, nai, traes, de apuro,
un divino elixir que reconforta,
bálsamo en corazón que me reporta
en ti resucitar no amor máis puro.


 Ai, meu pai!, miña nai..!, que comenencia
de me amparar en vós na cruel campaña
de envellecer coa pel do mal de ausencia!


 Ai, miña nai!, meu pai..!, canta clemencia
se me a/gardase o gume da gadaña
con meu pai, miña nai: Santa Compaña!


               (Rioderradeiro)


terça-feira, 19 de outubro de 2010

Contaminar a rosa o meu poema.



Primaveral a luz engaiolada,
En fresco enraizada na figura,
Presto pincel pintara sen pintura
Nos pétalos da rosa perfumada. 

Primaveral a rosa en luz galana
Dos cravos e da cruz prenda segura,
Presto pincel prendido en galanura
A se inmolar no cáliz, soberana;

Os teus pétalos, rosa, son diadema
De atar e desatar pola angostura
Dos sépalos a prol dunha patena,

Son un canto floral á fermosura
E relanzos de ardor dunha alma en pena;
Probado está o amor con máis loucura:

Contaminar a rosa o meu poema.



(Rioderradeiro)




quinta-feira, 14 de outubro de 2010

Sabor da túa pel, pomba bravía.


  Un só dedo da man polo barbeito,
pola ribeira, ao mar da túa estrela.
Anque me digas: non!, quero aprehendela;
nunca renunciarei; burlo o teu peito.

  Un só dedo da man rozou, de feito,
o manancial onde habitas, doncela;
polas regras do azar, á tarabela,
xa o dedo adiviñara campo estreito.

  Un só dedo da man, no acantilado,
tatexo navegante, igual vixía,
apoupiñando vai pola badía...,

  Mostreiro, en ademán de apostolado,               
a andar e desandar polo sagrado
sabor da túa pel, pomba bravía.



          (Rioderradeiro)


segunda-feira, 11 de outubro de 2010

Onde o reloxo denegou máis horas.




  Milagre, noite, o sol cando o xermolas
dunha paixón de estirpe embarazada;
bríncas deusa do amor alborozada,
e dás luz e calor que non controlas.

  Primaveral candor polas corolas
das flores que iluminas de alborada,
tizón de brasa en brisa ben labrada,
lisura do verán na voz das rolas.

  Corazón do verán, por que te ancoras,
se te sabes, sen flor, carne cumprida;
se te sabes serán, senda esquecida;

  O tempo xa xogou carta que adoras 
de retornar de pé da despedida
no xogo singular desa partida;

  Porque o reloxo denegou máis horas.

(Rioderradeiro)