segunda-feira, 3 de outubro de 2011

Corrompe o corazón cando o cativa.




(Wikipedia)

Esta estrela fugaz, que é peregrina,
Asalta o corazón cando o estremece
E trastorna o timón, porque parece
O luceiro polar, se te alucina.

Anque nota frugal, non desatina
E prende máis fervor cando florece  
En quen a aposentou, porque apetece,
Por mor da floración, causar ruína.

Esta frecha -que vai- vén arroupada
De relampo mortal, que é cousa viva;
Non revela intención de ser lasciva,

Se mantiver dobrez por ser louvada;
É promiscua, é ruín…; anda en/la(n)zada:
Corrompe o corazón cando o cativa.


A carne de canón enca(n)deada...



(Rioderradeiro)






(Wikipedia)

sábado, 1 de outubro de 2011

As caras que esquecín, reconstruídas.

  
  Tantos amigos son… Costa contalos
e borrar lividez das súas caras.
Como sofre a ilusión cando reparas
no duro que resulta recordalos!

  Tantos amigos son… Costa mentalos,
nomear un por un, e revivilos.
Como sofre a razón por redimilos
e do arcano, do alén, resucitalos.

  Tantos amigos son… Cómpre un gran mago
que rescate da sombra tantas vidas
e anule ou desmemorie o tempo aciago.

  Como lidar con penas recargadas
que no matraz da dor son retorcidas?
Tantos amigos son… Polo meu pago...,

  Camiñando en tropel, e realzadas,
as caras que esquecín, reconstruídas.

          (Rioderradeiro)



quinta-feira, 29 de setembro de 2011

Recalcitra mellor ás palpadelas.



A laranxa outonal verque vencida
Laranxada do deus que balancea
Sobre a tona do mar, pule a marea
E peitea de tul banda invertida.

Da pebida outonal, xorde e dá vida,
E retorna a entallar de igual maneira,
Co mentado funil da sementeira,
Reverdecente o ton, parto e partida.

Inculcada tal vez, ben sementada,
A pebida ancestral vai reservada
Á batalla naval, barco sen velas;

Das entrañas do mar, baixo as estrelas,
Esa espada de luz, xa fermentada,
Recalcitra mellor ás palpadelas.

(Rioderradeiro)


segunda-feira, 26 de setembro de 2011

Nas tres caras á vez para salvarme.



O neno que inda son segue agardando
Outra volta xogar á pitacega;
O xogo da ilusión non se delega
Nunha memoria a treu que ande encirrando.

O xove que agostou vai procurando
Ao xove que quedou trala refrega;
A seiva non morreu, só se reprega
E vai dentro de ti sempre empurrando.

¿Vellouqueiro? -¡Maior! No neno insisto;
Coma mozo que fun, non me resisto
A deixarme levar sen reforzarme:

Neno-xove-¡Maior! Quero centrarme,
Porque gardo razón e porque existo
Nas tres caras á vez para salvarme.

(Rioderradeiro)


domingo, 25 de setembro de 2011

Na fonte maternal do teu cariño.

  
  Non che dixen adeus porque pensaba
que, en pronunciando adeus, xa te perdía;
non te dixen adeus porque quería
perfeccinar en min canto te amaba.

  Non che dixen adeus porque sangraba
a falta corporal que presentía;
non te dixen adeus porque aprendía
que así, no corazón, máis te gardaba.

  Non che dixen adeus porque manteño
seguridade en ti -vella, e tan nova!-,
coma unha bendición no meu camiño.

  Non te dixen adeus porque me ateño
á forza que me dás que se renova
na fonte maternal do teu cariño.

(Rioderradeiro)