sexta-feira, 9 de julho de 2010

o sono de soñar no cadro.





  Sen escota, sen bichelo, sen pastecas;
sen proa e mais sen popa, sen regala;
sen drizas e sen foque, sen mesana;
sen relinga, cordames e sen velas…

  Onte lancha lanzal e mariñeira,
malferida recalo hoxe na praia;
abráceme o mallante na encalmada
da vaga montesía e recadeira.

  Por que torceu tramposo a travesía
fanfarrón furacán tan desleigado?;
por que me tén gañada esta partida?

  Pinte lene solpor ventiño manso,
amarre o tempo co picel na quilla,
arróleme na luz da anoitecida,

  acócheme no sono de soñar no cadro.

  (Rioderradeiro)


Foto de Manuel María Pena Silva.


domingo, 4 de julho de 2010

Como apagar a dor co meu vacío.



  Cando, mencer, despertas da torcida;
cando, mañá, ben ardorosa avanzas; 
cando, tarde (e serán), adiviñanzas;
cando, enloitada noite, adormecida...

  Inquisidor, fustigador, felino;
mentor mordaz dunha mala xornada;
león  feroz de vengativa espada;
devastador cruel, vil asasino...

  Pois a razón despreza o meu desvío,
como afrontar consonte contrapunto
de me roubares cachos decotío?

  Pois, a traizón, has levarme contigo,
non me pregustes por que me pregunto
como hei pagar a dor con tal castigo.

              (Rioderradeiro)

sábado, 3 de julho de 2010

Nunha caixa de serrín.



  Sendo o sentir e o pensar
as dúas pezas do traxe
porfía do meu tear,
por que hei mandalas calar?,
por que hei dirimir liñaxe
e amistalos no existir,
se perseguen abordaxe
do meu corpo..., a compulsar?
Como hei pensar co sentir?
Como hei sentir co pensar?

  Sendo o pensar e o sentir
embaixadas de incerteza,
en que cabilas, cabeza?,
por que disfrazar tristeza
coa mordaza do vivir
nunha caixa..., a consumir?

(Rioderradeiro)

terça-feira, 29 de junho de 2010

...para aportar contigo a toda vela.




  Non cabe na paixón o verso alado
nin cabe na palabra a voz do día;
non cabe na razón a luz amiga
nin cabe no rizón o vento arpado.

  Non cabe nun saber tanto calado
nin cabe nun sabor tanta ardentía;
non cabe nun solpor tanta fatiga
nin cabe nun sudor tal desenfado.


  Dispara o mar mil dardos sen cautela;
o discorrer do tempo non perdoa:
a vaga leva e trae a mesma area…

  Pois navegar é gozo e mais cadea,
quero desafiar a onda á proa
para aportar contigo a toda vela.


     (Rioderradeiro)



Implanta amores no río



  Implanta amores no río
a filla de Xan Vicente,
ela, tan doce e decente,
leva a puntada consigo,
sementa na canle o trigo,
afinca na entraña o dente,
non repara na corrente,
tira de faixa e de fío,
engaiola ao señorío…


  Á vista de toda a xente,
a filla de Xan Vicente
implanta amores no río. 
    

       (Rioderradeiro)



_