(*)
… que somos coma as árbores..!
Quen o dixo primeiro?;
quen llo escoitou, deu creto
e propagou por ecos?
… que somos coma as árbores..!
Quen o escribiu, por certo?;
que lei deste universo
retorceu tan dereito?
… que somos coma as árbores..!,
dunha peza, senlleiros:
ti, carballo?; eu, freixo?;
aquel, rexo piñeiro?
(**)
Coido que somos conto,
pois soñamos no espello.
Coido que somos corvos,
pois vestimos de negro.
Coido que somos orfos,
pois quedamos sen “e(r)go”.
Coido que somos xordos,
pois falamos por xestos.
(***)
… que somos coma as árbores..!
Ulo seu fundamento?
… que somos coma as árbores..!
Que coñazo de invento!
(****)
Se me chamades árbore,
chamádemo en secreto.
(Rioderradeiro)
Sem comentários:
Enviar um comentário