sábado, 15 de dezembro de 2012

Perdeu heraldo A Coruña.

                      (Jota-Jota)  Foto de  Quin Muros Negreira

      IN MEMORIAM.


  Era un ser moi singular

de altura un tanto minguada,

gracioso pola mirada

do seu mundo peculiar.


  Coma voceiro de raza

do Concello muradán,

sentaba tarde e serán

cátedra na mesma praza.


  Malpocado!, pereceu

por deixar por testemuña

as penas con que compuña

a vida que padeceu;


  JOTA-JOTA enmudeceu:

perdeu heraldo A Coruña.


(Rioderradeiro)


             (Manuel M. Caamaño)

sexta-feira, 14 de dezembro de 2012

Deixe en min de padecer.


¡Ai!, de ademán, divertida;

¡Ai!, por prestancia, princesa;

¡Ai!, por ventura, promesa;

¡Ai!, para ti, prohibida.

 

Que se alporiza a muller

Con tal degoiro en gabanza ,

Que se desboca a esperanza

Que te vai comprometer.

 

¡Ai, amor do amor prendado

E doente namorado

Da beldade e do querer...!

        

¡Corazón, non pode ser..!;

Que este vello embelecado

 Deixe en min de padecer.


(Rioderradeiro)

Ficheiro: Wenuszmt.jpg
                                                     (Wikipedia)

quinta-feira, 13 de dezembro de 2012

Daquel pe(n)sar que desdeño.


  Por que matina contino?

Pecha os seus ollos tal vez

para artellar sen dobrez

o repertorio felino?

 

  Que pensa o gato? Misterio!

Ningún gato comentou

nin sequera intercambiou

comigo palabra, en serio.



  Dos dous meus gatos reteño

un cavilar recatado,

un ecoar recalcado


  Da pregunta onde deseño

por resposta un duplicado

daquel pe(n)sar que desdeño.


           (Rioderradeiro)


segunda-feira, 19 de novembro de 2012

Da fenda desacougada.


   Incontinente en buraco,
Reservatorio imperante
Plenamente desbordante,
Baleira en solfa o seu saco.

  Non é falacia a factura
Para folgo insatisfeito,
Que a fonte enfía de feito
Por fornecer a fractura.

  De todo aquel falso encanto
Que deixou firma afincada,
Transfire desenfreada

  Afronta do desencanto:
Quebrantos cobren recanto
Da fenda desacougada.

(Rioderradeiro)



domingo, 11 de novembro de 2012

Permite a vida o milagre


Permite a vida o milagre
de dar recoñecemento;
procura Louro convento
onde arestora o consagre.

Promete o día ser grato
para afondar na amizade;
provén do claustro irmandade
onde imprimir alegato.

Tódolos aquí presentes
temos cos nosos docentes,
polas leccións aprendidas,

máis débedas contraídas
que nunha placa inseridas,
por devoción dos discentes,

evocan letras candentes,
para agromar compredidas
en corazóns competentes.

(Rioderradeiro)


a  HUMBERTO CASTRO primeiro.
_____________________

Cando falou comprobamos
Que en compulsivo apurar
pretendía respaldar
de présa verbo en andamios

Pois traía recargado
o cartafol con revistas,
marcara tódalas pistas
para alancar de contado.

Parolaba sen parar:
Goya, Picasso, Colmeiro;
conversaba con Laxeiro.

Axudábate a pensar;
divertido era admirar
con el ARTE verdadeiro;


quixera a HISTORIA premiar
a HUMBERTO CASTRO primeiro.

(Rioderradeiro)



A voz de frei Feliciano.

  Hoxe, resoa en Herbón
a voz de frei Feliciano,
como en/canto franciscano
destaca nesta ocasión.

  Pola súa advocación,
Rey Pastor, como do arcano,
transfire ao ámbito humano
fórmula e demostración.

  Inda por ser concebido
poema do referido
bardo pide licencia;

  en métrica pertinente,
bravo soneto ascendente
floreza en verso cumprido.

  Permita a santa obediencia
brindar..., louvalo e cinguilo
coa flor da reverencia,

  e ao denodado docente
que foi, poder aplaudilo
de corazón, por decencia,

  por decencia e por conciencia,
por pura cuestión de estilo.


(Rioderradeiro)