quinta-feira, 21 de fevereiro de 2019

.- de ser real..., que me atrape?

Resultado de imaxes para juegos de casino


  Soñar? Levantar alfombras?
Debater sobre aporías
de contumaces manías
na vacuidade das sombras?

  Vivir? Non vivo. Padezo
o baleiro de existir,
a pretensión de esixir
outro escenario a bo prezo.

  Xogar? Non xogo. Son naipe
dunha baralla abatida;
son dado para partida
que un gobelete destape.

  Potencial ente? Consisto?
Con que premisa me invisto
de ser real..., que me atrape?

  Que me atrape e que me empape
desa entelequia..., onde existo !?


  (Rioderradeiro)




quarta-feira, 20 de fevereiro de 2019

- As tres Grazas muradás

The Three Graces, by Peter Paul Rubens, from Prado in Google Earth.jpg
(Wikipedia, Pedro Pablo Rubens, 1636-1639)

  Tres deidades poderosas,
humanas, polo demais,
rebuldeiras, fachendosas,
soñaran con ser ditosas;
hoxe, serenas, vitais,
pensan, princesas reais,
madurecer coma rosas,
envellecer coma nais;
"As tres Grazas" muradás,
avoas... -ler candorosas-
consentidoras graciosas,
bolboretas garimosas,
acolledoras, centrais,
polo candor, luminosas,
polo calor, capitais,
pura ilusión, deliciosas,
puro valor, virtuais,
tan plenas, tan principais ,
tan verbais, tan vigorosas:
lindas señoras -que máis?-,
señoras sentimentais,
tres beldades portentosas,
tres deidades poderosas...

 Hoxe, serenas, vitais,
pensan, princesas reais,
madurecer coma rosas,
envellecer coma nais...

  As tres Grazas, as tres mozas,

Amorosas. 



(Rioderradeiro)

Foto de Manuel María Pena Silva.

terça-feira, 8 de janeiro de 2019

-E, no Cabo, EL de vixía.

 Foto de Campio Pineiros.
(Foto de Campio Pineiros, quen desempeña oficio permanente de reporteiro e NOTARIO maior da RÍA de MUROS)

  Duro inverno ou bo verán,
desde o abrente ata o serán,
Campio Piñeiros porfía,
comanda Capitanía
dun obradoiro artesán;
notario do ven e van,
reporteiro ao curricán,
retrata, capta harmonía,
euforia e melancolía;
como rezara o refrán,
ollo de gran puntería
testifica travesía.

  Forasteiro! muradán!,
todo canto os ventos fan
aos barcos pola badía,
ao ronsel, á marusía,
porque lles pete ardentía;
todas cantas vagas dan
ao bateeiro, testán
cultor de mariscaría,
ao naseiro cando arría,
ao pulpeiro pillabán,
á rañeira, ao gañapán
e á man que lles ten manía.

 - Que máis pide a fantasía
dun leigo que é sacristán?

 - Retratos, por cortesía;
propondo monotonía,
navíos no pantalán..!,
e, no Cabo, EL de vixía.

   (Rioderradeiro, en Muros, a 8/01/2019)

segunda-feira, 11 de junho de 2018

De pertinaz singradura.



































(Ruth M. Anderson, anos 20)
   (Ao meu benquerido curmán MANUEL PENA VILAR, in memoriam)



  El, en por si, singular:
enxoito, breve estatura;
en troques, lene bravura;
disímil no similar.

  Resumida a súa andadura,

desde o berce á sepultura,
aplicado a manexar
a agulla de marear
sen compás, sen armadura. 

  Os salseiros, pola amura,

empurrárano a arribar,
cabe dicir despertar!,
rematada a súa aventura.

  O seu vivir, só soñar...,

resistir, multiplicar,
laberíntica aventura,
velas ao vento, a loucura
de quen foi lobo de mar.


  Semente, froita madura,
ti, MANUEL PENA VILAR,
exemplo a reivindicar
de pertinaz singradura. 



   (Rioderradeiro, en Muros, a 10/06/2018)


 (Ruth M. Anderson, anos 20)

segunda-feira, 13 de novembro de 2017

.- Clérigos por ser decentes.

Foto de Jesús García Fernández.
(Foto de Jesús García Fernández)

  Corvo máis corvo, parella,
macho á femia emparellado,
locen o loito ilustrado
da plataforma á pontella;
tal convivencia semella
viren da voda ao sollado.

  Viren da voda ao sollado

e, en posición pertinente,
botar a sesta pendente
sen perpetrar o pecado.

  Sen perpetrar o pecado,

en castidade punxente,
xogando carta prudente,
postergando acto pactado.

  Postergando acto pactado,

prórroga en adolescentes,
mil/anos sen sindicato,
miñatos sen sultanato,
córvidos papel pautado,
clérigos cautos, decentes.

 Clérigos cautos, decentes,

na póla..., polo aparato. 

  (Rioderradeiro)

Foto de Jesús García Fernández.
(Foto de Jesús García Fernández)