domingo, 11 de novembro de 2012

Permite a vida o milagre


Permite a vida o milagre
de dar recoñecemento;
procura Louro convento
onde arestora o consagre.

Promete o día ser grato
para afondar na amizade;
provén do claustro irmandade
onde imprimir alegato.

Tódolos aquí presentes
temos cos nosos docentes,
polas leccións aprendidas,

máis débedas contraídas
que nunha placa inseridas,
por devoción dos discentes,

evocan letras candentes,
para agromar compredidas
en corazóns competentes.

(Rioderradeiro)


a  HUMBERTO CASTRO primeiro.
_____________________

Cando falou comprobamos
Que en compulsivo apurar
pretendía respaldar
de présa verbo en andamios

Pois traía recargado
o cartafol con revistas,
marcara tódalas pistas
para alancar de contado.

Parolaba sen parar:
Goya, Picasso, Colmeiro;
conversaba con Laxeiro.

Axudábate a pensar;
divertido era admirar
con el ARTE verdadeiro;


quixera a HISTORIA premiar
a HUMBERTO CASTRO primeiro.

(Rioderradeiro)



A voz de frei Feliciano.

  Hoxe, resoa en Herbón
a voz de frei Feliciano,
como en/canto franciscano
destaca nesta ocasión.

  Pola súa advocación,
Rey Pastor, como do arcano,
transfire ao ámbito humano
fórmula e demostración.

  Inda por ser concebido
poema do referido
bardo pide licencia;

  en métrica pertinente,
bravo soneto ascendente
floreza en verso cumprido.

  Permita a santa obediencia
brindar..., louvalo e cinguilo
coa flor da reverencia,

  e ao denodado docente
que foi, poder aplaudilo
de corazón, por decencia,

  por decencia e por conciencia,
por pura cuestión de estilo.


(Rioderradeiro)


sexta-feira, 2 de novembro de 2012

Sen dentes, tan bonitiño.


 "Mais vale unha promesa de "futuro perfecto" que a lembranza dun "pretérito imperfecto"
Dicía Unamuno que "o progreso consiste en renovarse" (
Manuel M. Caamaño )


En alas dun futurible
Cabalga tempo imperfecto;
Presente, sempre incorrecto,
Consómelle o combustible.

Cambia o vento, incorrexible,
A dirección do prospecto
E receita ao intelecto
Un proxecto incombustible.

Impaciencia innovadora
Non dormirá nos loureiros,
Tirando azos lareteiros

Da cabeza cantimplora,
Encabezará arestora
Pensamentos verdadeiros

Que han arredar, sen demora,
Ao curricán pola eslora,
Galizoland dos PPePPeiros


(Riderradeiro)



"Non me tolees, Manuel 
coa túa criptografía.
Non te asemelles a aquel
mestre da "demagoxía".

(Manuel M. Caamaño )


Se por ter tal teima inculta
Apañei demagoxía,
O sabio que me avalía,
Cando me acolla en consulta
Recargue de plusvalía,
Compromisaria da multa,
Meu Deus, a sabedoría
E deixe medio vacía
Unha ignorancia xa estulta
Que desborda a teimosía.

A miña causa tan “cuca”
Nunca me deu de comer
Nin tampouco quixen ser
Demandante de manduca,
Así que podo perder,
Fronte ben alta, farruca,
Leal ao meu parecer,
Sen traizoar por “caduca”.

(Rioderradeiro)


"Coma ghatos enxaulados
Coas uñas e cos dentes
deféndense os resistentes
guerrilleiros do pasado."

(Manuel M. Caamaño)

Con palabra incontinente
Á vista de tanta xente,
Profetizas tal futuro
A quen magoa o presente;
Coma meniño inmaduro,
Visionario barulleiro
Convertido en pitoniso,
Falas con tan pouco siso,
Que destapas o sonriso
Do meu pe(n)sar retranqueiro.

(Rioderradeiro)


"Non se come de ilusións.
Ben o sei, querido amigho.
Mais xantar do que é reseso
é non ter moi ben o seso,
nin coidar do corazón."

(Manuel M. Caamaño )


Axornamento en butaca
Encarreira discordar,
Reforma sen reformar,
Peitea ideas con laca,
Colle folla de afeitar,
Ponlle un antifaz de armiño,
Pule argumentario aliño,
E déixome impresionar,
Porque no espello adiviño
Que son cadelo mansiño
E non me acae o ladrar,
Sen dentes, tan bonitiño.

(Rioderradeiro)


segunda-feira, 29 de outubro de 2012

O pavillón polas nubes.



No bergantín, man experta;
Enroladas por querubes
As velas sobre cuberta;
Dous mastros mantendo alerta;
O pavillón polas nubes.

(Rioderradeiro)






domingo, 28 de outubro de 2012

Da banca municipal.

 "Gracias a un convenio, el ente provincial financiará con 207.158 euros la mejora en la pavimentación de las plazas de Galicia y O Curro da Praza." (J.M. SANDE . 27 de octubre de 2012)


Eurazos por adival
na vila que alzou muralla,
para ben ou para mal,
prézanse de dar máis tralla
que convenza ao persoal.

Por calexóns e por prazas,
espallado o capital
-pois por Muros te desprazas-,
non disfracen máis desgrazas
da banca municipal.

(Rioderradeiro)





Para un concerto alemán.


Capitalismo en trincheira,
O global polo absoluto,
O malgastar por mangueira,
O cunsumir polo bruto
De escravizar cabeceira.

Non por ser tan caradura
Perde en faciana a cordura;
Produce desgraza en serie
E santifica impostura
Con caridade, intemperie.

Capitalismo divino
Paga amparando a miseria;
Quen traballa desespera,
Cobra e reforza intestino
Con máis sangue que se altera.

Pon retoque en orzamentos,
Contas do Gran Capitán,
Vai pintando apuntamentos
Afinando os instrumentos
Para un concerto alemán.


(Rioderradeiro)