segunda-feira, 15 de outubro de 2012

¡Contestación permanente!


Nunca vin incomprendido
Tan ponderado e prudente,
Comparado co ocurrente
Que peitea o percorrido
E que requenta o cocido
Da privación inherente,
Minando a moral da xente,
Coma se fose abducido,
Convertido en instrumento
De probarlle o fundamento
Ao vil metal comburente
Que fai do ferro un rustrido,
Sobre granito incremento,
Pintado perfectamente
Para que o tragues fundido;
Ti, muradán, máis contento,
Deixa facer, convencido,
Pagano a conta corrente,
Saldando en paz o debido,
Engordando un elemento
Con mando en praza metido;
Áncora, seguramente,
Tropeza coma impelido,
Nunha pedra sedicente
De naufraxio repetido
Para pór punto e seguido
E aparcar perfectamente,
Após cobro consecuente,
No privado referido,
Procedemento indecente
Que debe ser correxido:

¡Viva o “parquín” redimido!
¡Contestación permanente!

 (Rioderradeiro)

sábado, 13 de outubro de 2012

Refugando a ferradura.

                                       
O COLMO DOS DESPROPÓSITOS!
"Esta áncora (¿¡do século XVI ou XVII !?) que dende fai uns días sirve para pechar o acceso a un espazo público e que por arte de non sei quen se convertiu nun aparcadoiro privado, collina eu enganchada nas miñas redes xa fai uns anos a bordo do SIDRI ROBER..." (Manuel M. Caamaño)

Áncora de gran feitío,
Antifaz dun mundo avaro,
Atrancada sen reparo,
Escrava dun poderío.

Áncora de mar bravío
Atracada en falso alago,
Desbordada previo pago,
Humillada en montesío.

Áncora que fixo historia
E que prendeu na memoria
Resplandecente aventura,

Áncora, por singradura,
A derramar pola amura
Cobranza a pases de noria,

Refugando a ferradura.


 (Rioderradeiro)



sábado, 6 de outubro de 2012

De que han fuxir polo atasco.




Non nos deas máis a lata
Con esa mostra baleira,
Fotocopia a conserveira,
Paga, pega en alpargata,
Porque a sapiencia é barata…

Fai campaña en promoción,
Fala cos do botellón
Para enlatar a faena,
Amontoa, arma, envelena,
Que se anime o gran follón…

"Sel"…, "Leocadia"…, ¡centellas!,
Mareadas as botellas
Co cheiro do longueirón,
Proa na pel picazón
De refregarse as parellas…

Non nos deas máis latón,
Saca as sardiñas do casco,
Defende ofertas sen frasco,
Confía en confirmación
De que han fuxir polo atasco.

 (Rioderradeiro)



Que o tempo ben papa arresto.



  Estas son fabas contadas,
emulando ao caracol,
á porta, tomando o sol
coas barrigas preñadas.

  Vexo cabaces trenzados
con paciente artesanía
lucindo vimbios trabados
en primorosa harmonía.

  Máis fabas caben no cesto
que de vello está comesto
por destemplada intemperie;

  Veñan fabadas en serie,
que a fame confunde presto,
antes que o ventre se altere

  E que o corpo desespere,
que o tempo ben papa arresto.

 (Rioderradeiro)


terça-feira, 2 de outubro de 2012

Co seu bastón por catana.

Toma as notas no xornal
Para aforrar na libreta;
De zurdo escribe, interpreta:
-¡Insurrección cantonal..!

Mete a trote en carabina
Palabras sen calzador:
Ben precisa un extintor
Para encalmar gasolina.

Din que en galego lusista,
Con retranca loureana,
Crea, recrea, reencana

Credo revolucionista;
¡Vive Deus!, se se despista
Na tenda, por tarambana…

Que escude o cu con badana
Cando Milagros llo asista
Co seu bastón por catana.


 (Rioderradeiro)