quinta-feira, 7 de junho de 2012

Alucinarlle o corpo á muradá.


  Esta gaita grileira como aviva
degoiros de romaxe ao pór na festa
punteiro, fol… A man como se apresta
a peneirar os sons, caritativa…

  Cornamusa cordial, corporativa,
abrente manancial, como desperta
nos pés da bailadora en danza experta
que en canto ao corporal é curativa…

  Porque a gaita convence á ribeirá,
alborozada, amosa no aloumiño
axustado corsé, chambra rumbosa;

  A saia salientada vén frondosa
e, concorde, cabal sobre corpiño,
bule, encrequena, efervescente está:

  Sabe a muiñeira, cando colle aliño,
alucinarlle o corpo á muradá.

                              (Rioderradeiro)




quarta-feira, 6 de junho de 2012

No mastro, ese farol en singradura.




  
  Pinta, pintor, provisto do teu arte,
o día de verán que te alucina;
prende, pincel, da estrela matutina
linda mañán de sol para embarcarte.

  Alza na nave a vela de estandarte,
arma timón -cubeta na sentina-,
alarga escota e cóbralla en bolina,
afronta mar maior para embargarte.

  Pinta, pintor, as vagas atrevidas
a bordo pola proa embravecidas,
chica a tilla de escuma asolagada;

  Alza na nave a voz, ceibe a poutada,
prende, pincel -que a noite negra apura-,
no mastro, ese farol en singradura.


(Rioderradeiro)


segunda-feira, 4 de junho de 2012

Escondido nas mentes máis severas.


frases de franz kafka | Tumblr


  Asombro que sen sombras te reprimes,
finxes nas mans do sol outra mirada,
discorres con disfrace en madrugada
unxido da noitebra onde resides.

  Asombro que ao mencer tan só lle pides
contemplar nese espello a túa cara,
saca o teu arcabuz, tensa, dispara
co degoiro de armarte onde presides.

  Asombro que ata ás tebras desesperas,
temor! que armando espanto te sinceras
empeñado en dobrar sempre o perigo

  Fundamento da pena e do castigo,
horror! que en vendo angustia te aseveras,
penetrante, mordaz, como inimigo…

  Escondido nas mentes máis severas.

            (Rioderradeiro)




"Theatrical release poster" (wikipedia)

domingo, 3 de junho de 2012

Leva no arado: “Abelleira”.

          


Das tres velas veleidosa,

Nun só mastro, a mariñeira

Labra o mar por sementeira;

Semella que a primorosa

Leva en arado: “Abelleira”.


(Rioderradeiro)


Ficheiro:Maler der Grabkammer der Itet 002.jpg
(Wikipedia)

Como inculpado ao nacer.



   Co tizón da ferradura,
tomando temperatura.

             

               * *             

          

  Por portar na faldriqueira

un grande enigma escondido,

carguei fardel ben cumprido,

cavilante: por que eu era

para min descoñecido?

 

  Por bipolar, inimigo:

non son quen de me entender;

se cadra, poida aprender

a reconciliar comigo

no instante de perecer...,


  nese intre de comprender

que é prezo de ter vivido,

que é cobro por ter bebido

na alfándega do nacer...


  a sede que é padecer

vir, desde o berce, vencido.


             *   *  *

 Co tizón da ferradura,
tomando temperatura.




               (Rioderradeiro)